Vox defende as medidas antiabortistas en Castela e León, das que se desmarca a Consellería de Sanidade
Vox defende as medidas antiabortistas en Castela e León, das que se desmarca a Consellería de Sanidade
Vox defende as medidas antiabortistas en Castela e León, das que se desmarca a Consellería de Sanidade
O vicepresidente García Gallardo, de Vox, asegurou que os médicos estarían obrigados a ofrecer ás nais que quixesen abortar atención psicosocial, escoitar o latexo fetal ou unha ecogafía 4D
A Consellería de Sanidade castelán-leonesa di que non cambiou o protocolo, a pesar de que García Gallardo presentou as medidas como parte do acordo de coalición
A Junta de Castela e León anunciaba este xoves medidas antiaborto, entre as que se encontraba un protocolo para que os proxenitores puidesen escoitar o latexo fetal, ofrecer unha ecografía 4D que complemente as tres convencionais contempladas actualmente e un reforzo da atención psicolóxica ás nais embarazadas, amais de protexer a obxección de conciencia dos profesionais sanitarios.
O encargado de presentar estas medidas era o vicepresidente, Juan García Gallardo, de Vox, quen defendía que formaban parte dun acordo asumido polo Executivo autonómico, integrado pola coalición do Partido Popular e a formación de extrema dereita.
Segundo explicou, os profesionais sanitarios estarán obrigados a "dicirlle á muller que ten esas tres posibilidades": atención psicosocial, latexo fetal e ecogafía 4D. O vicepresidente castelán leonés dicía que "era un acordo de goberno" e facía o anuncio acompañado do popular Carlos Fernández Carriedo, conselleiro de Economía e Facenda e voceiro do executivo autonómico.
A Consellería de Sanidade matiza
Pouco despois desde a Consellería de Sanidade de Castela e León, carteira que dirixe o PP, matizaban que "o protocolo vai seguir igual" e que non se lles vai obrigar aos sanitarios a ofrecer esas medidas ás nais que tivesen a intención de abortar.
Así, o protocolo seguirá como ata o de agora, coa primeira ecografía ás 12 semanas. E as ecografías 4D só se farán, se o decide o facultativo, pola sospeita dalgunha anomalía, no cuarto trimestre, aseguraron desde a Consellería de Sanidade.
O propio conselleiro, Alejandro Vázquez, do PP, limitouse a dicir que o que achegan de novo é que "ofrecen unha visión diferente e son medidas para fomentar a natalidade como está recollido no acordo Goberno" dos dous partidos, sen entrar en detalle.
Non obstante, no momento do anuncio, García Gallardo non só insistía en que se trataba dun acordo de Goberno, senón que ademais agradecía a "boa disposición" da consellería de Sanidade e do seu responsable.
O Goberno sinala un ataque aos dereitos das mulleres
Desde o Goberno, que acaba de impulsar unha reforma da Lei do aborto, sucedéronse as críticas. As ministras de Igualdade, Irene Montero, e a de Turismo, Reyes Maroto, considerárono un ataque aos dereitos das mulleres.
"Chámano moderación, por non dicir arrebatar dereitos ás mulleres. Estas son as alianzas de Feijóo. Isto é o PP", expresou Montero a través das redes sociais.
Pola súa banda, Maroto opinaba que se trata de "un ataque intolerable" contra as liberdades en Castela e León, co fin, lamentou, de "intimidar ás mulleres para que non exerzan o seu dereito".
Este venres a Comisión Executiva Federal do PSOE, encabezada por Pedro Sánchez, e na que están todos os ministros socialistas, aprobou unha declaración conxunta co PSOE de Castela e León na que advirten á Junta de que nas próximas semanas se vai aprobar a nova lei de saúde sexual e reprodutiva que garantirá os dereitos das mulleres.
"O PSOE vai combater a resposta reaccionaria impulsada polo PP e Vox" con esta reforma que "devolverá o dereito á interrupción voluntaria do embarazo ás mulleres de 16 e 17 anos que foi eliminado polo Goberno do Partido Popular en 2015" e eliminará o período de reflexión de 3 días.
A declaración socialista advirte de que "o dereito á interrupción voluntaria do embarazo en Castela e León xa se atopa moi limitado e, con este novo paso atrás, levaría ás mulleres castelás e leonesas a épocas moi escuras".
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, pediu ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que rectifique as medidas antiabortistas, porque está a poñer en perigo "a democracia de España e a democracia do feminismo".
"O señor Feijóo debe garantir ás españolas en calquera territorio os nosos dereitos", puntualizou.
Sémper advirte de que o PP non vai tragar coa proposta de Vox
O voceiro do Comité de Campaña do PP, Borja Sémper, afirmou este venres que o seu partido non está de acordo con a proposta de Vox sobre o aborto e advertiu de que non están dispostos "a tragar con calquera cousa".
Así o dixo nunha entrevista en Antena 3 recollida por EFE. "Non estamos dispostos a tragar con calquera cousa e o PP cando non estea de acordo vaino dicir e vai rectificar as políticas que (...) consideramos que son equivocadas", remarcou.
Engadiu que "é perfectamente compatible a política de fomento da natalidade (que desenvolven) cunha política clara de respecto á liberdade da muller". "É absolutamente compatible", apostilou.
Pola súa parte o presidente de Vox, Santiago Abascal, declinou valorar os matices da Consellería de Sanidade sobre as medidas antiaborto, para "non complicar a boa relación" co PP na rexión.
Con todo, recalcou que "o que anunciou Vox e o que anunciou o Goberno de Castela e León non é unha obrigación: é que se vai dar o dereito ás nais de poder escoitar o latexo da vida que levan dentro".
"O que nos sorprende é que haxa xente que nun drama como o aborto non queira dar asistencia e alternativa. Nós ímonos manter firmes", recalcou o líder da formación de extremadereita.