Publicador de contidos
Publicador de contidos

As obras da A-54 deixan sen auga da traída os veciños de Vilar de Remonde, en Palas de Rei

As obras da A-54 deixan sen auga da traída os veciños de Vilar de Remonde, en Palas de Rei

O trazado da estrada cortou o paso da auga ata a captación veciñal

Reclámanlle unha solución ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible

G24.gal 05/03/2024 13:46

Baixo unha tapa está a captación de auga dun manancial que daba servizo aos veciños de Vilar de Remonde, en Palas de Rei, pero agora está seco. O problema deriva das obras da autovía que vai unir Lugo con Santiago. Cos desmontes e os movementos de terra levaron por diante o percorrido natural dos acuíferos da zona. 

As obras da autovía A-54 cortaron por completo este monte polo que transcorría a auga dun manancial. Agora os acuíferos quedaron desta banda e a auga pérdese ladeira abaixo, mentres do outro lado a captación que recollía auga para os veciños do lugar está completamente seca.

"O que fixeron foi un corte na terra duns 30 metros para abaixo, e prexudicounos, porque agora estamos sen auga".

Mentres a auga escapa agora entre a terra das obras, nada chega ata estes 13 depósitos que abastecían outras tantas casas do lugar. 

"Cada un tiña o seu depósito, estaba a auga repartida a unha mesma altura para todos os veciños".

Moitos vense agora obrigados a tirar de pozos de auga propios, e os que non dispoñen del argallan como poden coa axuda dos veciños ou sacando auga deste outro pozo que puxo á súa disposición o Concello pero que non é suficiente para todos.

"Hai algúns que teñen pozo e outros que non, e están sen ningunha auga, nin para ducharse nin para cociñar nin nada".

"Os que non teñen pozo, o outro día mesmo tivemos que pasar auga dende a casa dun veciño para outro porque estaba sen nada".

Dado que o seu problema está directamente relacionado coas obras da autovía reclámanlle unha solución ao Ministerio de Transportes e Mobilidade que, malia que xa visitaron a zona, denuncian que polo momento non deu solución ningunha.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade