Publicador de contidos
Publicador de contidos

Besteiro di que Altri quedará sen axudas públicas e Rueda pide respectar o traballo dos técnicos

Besteiro di que Altri quedará sen axudas públicas e Rueda pide respectar o traballo dos técnicos

O líder do PSdeG puxo en dúbida que o proxecto de Palas de Rei encaixe nos parámetros ambientais que fixa Europa e pensa que, por iso, non poderá recibir axudas do Goberno

Ana Pontón, sobre as palabras de Besteiro: "Rectificar é de sabios"

Desde a Xunta acusan a Besteiro de converterse en "técnico" ás ordes de Moncloa e o BNG

Rueda pídelle que respecte o traballo dos técnicos, e asegura que só apoiará os proxectos que cumpran todos os parámetros ambientais

G24.gal 16/09/2024 15:34

O proxecto de Altri en Palas de Rei foi un dos puntos de atención no debate político en Galicia este luns. Foino logo de que o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, asegurase que Altri non poderá contar con fondos públicos. 

Besteiro mostrou a súa oposición ao proxecto de Greenfiber -empresa do grupo portugués Altri- para abrir unha fábrica de lyocell -unha fibra semisintética ecolóxica- con madeira de bosques galegos.

Puxo en dúbida que encaixe nos parámetros ambientais que fixa Europa e pensa que, por iso, non poderá recibir axudas do Goberno. "Á marxe de que o proxecto non nos guste, a min paréceme que a solución do financiamento público vai ser imposible polos parámetros de descarbonización, innovación e das axudas europeas", dixo.

As palabras de Besteiro tiveron unha boa acollida desde o BNG. A portavoz nacional Ana Pontón apuntou que “sempre rectificar é de sabios”, polo que valora “todas as voces que se somen a dicir non a unha bomba ambiental no corazón do país”.

O rexeitamento a Altri, segundo a súa opinión, é “a única posición racional e lóxica” porque o proxecto “pon en risco miles de postos de traballo na comarca da Ulloa e tamén na ría de Arousa”.

Así mesmo, Pontón dirixiuse á Xunta para pedir que tamén cambien de posicionamento e deixe “de facer de comercial de Altri e comece a defender os intereses dos galegos”.

Dende o Goberno galego, a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, acusou o secretario xeral do PSdeG de converterse en "técnico" ás ordes da Moncloa e o BNG coa súa oposición á factoría.

Tamén se referiu as palabras de Besteiro o presidente da Xunta. Alfonso Rueda pídelle que respecte o traballo dos técnicos, e mantén que o Goberno galego só apoiará os proxectos que cumpran todos os parámetros ambientais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar