Publicador de contidos
Publicador de contidos

As oenegués de Pontevedra están nunha situación crítica pola falta de voluntarios

As oenegués de Pontevedra están nunha situación crítica pola falta de voluntarios

Están a piques de comezar a campaña de final de ano

G24.gal 11/11/2021 13:37

Horas críticas para asociacións e entidades sen ánimo de lucro e de inclusión social. Faltan voluntarios. Iso está a frear o seu traballo para atender os que máis o necesitan, nun momento en que están a piques de comezar a campaña de final de ano, que é unha en que máis axuda e achegas reciben. 

Á tendencia descendente do voluntariado dos últimos anos veuse sumar a incidencia da pandemia, que fai que as persoas de máis idade queden na casa e as incorporacións sexan escasas. Agora que queren retomar o groso das actividades non poden.

José Luis Doval, responsable do Banco de Alimentos de Pontevedra, explica que "hai escaseza de voluntarios, loxicamente estamos facendo un chamamento a todos os que temos e máis ou menos van respondendo. Esperamos cubrir as necesidades que temos. Sobre todo, onde máis problema hai é en Sanxenxo, o que é Pontevedra imos cubrindo".

Santiago Barros Costas, da Asociación Boa Vida, sostén que están "notando que non hai esa afluencia" que lles gustaría e que "estamos pelexando para mover a conciencia da xente e apelar a ela para que nos apoien tanto a nós como a outras asociacións que tamén teñen este problema".

Os voluntarios son fundamentais para desenvolver a súa actividade e poder axudar a xente con poucos recursos. As súas tarefas son múltiples e indispensables. Por exemplo, na Asociación Boa Vida acompañan persoas en exclusión social para que aprendan a facer tarefas, como sementar verdura nunha horta que teñen e outras iniciativas de integración social.

"Hai voluntariado nas tendas, temos dúas tendas de segunda man. E tamén na clasificación de roupa porque recibimos moita roupa, axudan a clasificala", di Santiago Barros Costas, da Asociación Boa Vida.

José Luis Doval, responsable do Banco de Alimentos de Pontevedra explica que "ordenan e clasifican os alimentos para despois entregalos as distintas oenegués. De feito, esta furgoneta que vedes aquí marcha agora cargada. Iso é o que fan os voluntarios de aquí".

Agora que chega a campaña de final de ano, entidades coma o banco de alimentos de Pontevedra precisan de 170 persoas, porque a necesidade de voluntarios é urxente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade