As pernoitas hoteleiras soben un 8,4 % en 2023 e marcan un máximo histórico
As pernoitas hoteleiras soben un 8,4 % en 2023 e marcan un máximo histórico
As pernoitas en establecementos hoteleiros alcanzaron os 347,1 millóns
Andalucía, Cataluña e a Comunitade Valenciana foron os destinos principais dos viaxeiros residentes
Cun 26,9% das pernoitas, Canarias foi o principal destino elixido polos non residentes
As pernoitas en establecementos hoteleiros creceron un 8,4 % en 2023, ata alcanzar 347,1 millóns, o que representa o máximo da serie histórica e un 1,2 % por encima de 2019, segundo os datos publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Os datos revelados polo INE indican unha suba da taxa anual do índice de prezos hoteleiros dun 8,5% en 2023, co que suman tres anos á alza, aínda que o aumento do pasado ano é a metade que o rexistrado en 2022, e a facturación media diaria dos hoteis por cada cuarto ocupado (ADR) foi de 112,9 euros.
Atendendo á procedencia, as pernoitas dos viaxeiros residentes en España aumentaron un 1,3 % en 2023, situándose en 121,5 millóns, mentres que as dos estranxeiros excederon os 225 millóns, un 12,6 % máis.
Andalucía, Cataluña e a Comunidade Valenciana foron os destinos principais dos viaxeiros residentes en España en 2023, con taxas de variación negativas no número de pernoitas do 1,2 %, 0,2 % e 0,6 %, respectivamente.
O principal destino elixido polos non residentes foi Canarias, cun 26,9 % do total de pernoitas, das cales as de estranxeiros subiron un 9,8 %; os seguintes destinos foron Baleares (23,9 % do total) e Cataluña (18,4 %).
En 2023 cubriuse, de media, o 60,3 % das prazas ofertadas, cun aumento do 5,3 % respecto a 2022, e o grao de ocupación por prazas en fin de semana alcanzou o 65,9 %, unha subida do 3,8 %. Os viaxeiros do Reino Unido e Alemaña realizaron 97,9 millóns de pernoitas, o 43,4 % do total de non residentes; as primeiras aumentaron un 10,8 %, e as segundas, un 9,3 %.
Ocupación en decembro
Só no mes de decembro as pernoitas nos hoteis superaron os 17,9 millóns, o que supón un aumento do 7,8 % respecto ás realizadas no mesmo mes de 2022.
Neste mes, cubríronse o 49,7 % das prazas ofertadas, cun aumento anual do 5,1 %; o grao de ocupación por prazas en fin de semana subiu un 7,7 %, e situouse no 55,8 %.
Canarias presentou o maior grao de ocupación por prazas durante decembro (70,9 %), e por zonas turísticas, Sur de Gran Canaria alcanzou o grao de ocupación por prazas máis elevado (74 %), e Sur de Tenerife tivo a maior ocupación en fin de semana (77 %).
O IPH subiu un 8,7 % en decembro respecto ao mesmo mes de 2022; por comunidades e cidades autónomas, a maior alza rexistrouse en Andalucía (13,1 %) e o único descenso na cidade autónoma de Melilla (0,1%).
A facturación media dos hoteis por cada cuarto ocupado (ADR) foi de 108,5 euros en decembro, o que supuxo un aumento do 9 % respecto ao mesmo mes do 2022. O ingreso medio diario por habitación dispoñible (RevPAR), que está condicionado pola ocupación destes establecementos, alcanzou os 61,5 euros, cunha suba do 15,5 %.