Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estudan en Lugo que os fondos europeos cubran as políticas de avellentamento

Estudan en Lugo que os fondos europeos cubran as políticas de avellentamento

O ministro de Exteriores e a vicepresidenta da Comisión presiden o encontro

Antón Montero 07/09/2023 20:59

A presidencia española da Unión Europea pasa hoxe por segunda vez por Galicia. Lugo acolle entre hoxe e mañá un encontro de alto nivel para abordar as políticas comunitarias de avellentamento e despoboación.

En 2030, un de cada tres europeos vai ter máis de 65 anos. De aí que o ministro de Exteriores subliñase a importancia dos asuntos que se van tratar estes dous días en Lugo.

José Manuel Albares explicou: "O avellentamento en Europa é un fenómeno crecente e importantísimo e por tanto de aquí van saír ideas e propostas, como pode ser a garantía para a terceira idade, que o Fondo Social Europeo cubra as necesidades dos estados membros nese ámbito".

Ademais de José Manuel Albares, participa na cita a vicepresidenta de Democracia e Demografía da Unión Europea, a croata Dubravka Suica.

Nos distintos relatorios tamén se van debater propostas para impulsar un avellentamento activo, con servizos ou programas de formación e emprego dirixidos especificamente aos maiores.

O fenómeno da despoboación e as estratexias para revertelo tamén estarán sobre a mesa.

A de Lugo é a terceira gran cita galega desta presidencia española da Unión Europea, despois do consello de Pesca celebrado en xullo en Vigo ou a reunión dos ministros de finanzas europeos da vindeira semana en Santiago.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade