As pombas poñen en perigo unha explotación gandeira na Veiga, en Asturias
As pombas poñen en perigo unha explotación gandeira na Veiga, en Asturias
Acoden a diario á granxa e defecan no penso do gando, co conseguinte risco sanitario
Esta explotación de leite da Veiga, en Asturias, ten 180 vacas, pero son moitas máis as pombas que veñen todos os días atraídas polo penso. O problema é que deixan as súas deposicións no alimento do gando, co conseguinte risco sanitario tanto para os animais coma para as persoas.
"Cando o carro mesturador bota a comida, as pombas adoitan esperar, e en canto marchamos veñen coma unha auténtica nube a comer o penso e o millo e a defecar. Os veterinarios xa nos avisaron de que isto non pode ser", di José Manuel Pérez Martínez, gandeiro.
Non é a primeira vez que esta explotación lle ten que facer fronte a este problema. Hai uns anos ocorrera outro tanto, e daquela a administración local encargárase de contratar unha empresa para capturar as aves.
"Tiveron a gaiola posta uns tres meses, onde as pombas entran a por millo pero non poden saír. Nese tempo collemos unhas 700 ou 800 pombas", asegura José Manuel.
Mentres tanto, as pombas seguen acudindo, puntualmente, á hora de comer.