As Pontes queima o derradeiro carbón e cesará para sempre a actividade na central
As Pontes queima o derradeiro carbón e cesará para sempre a actividade na central
Sete anos despois da súa posta en marcha, comeza o proceso de desmantelamento da central e o plan de impulso económico da zona baseado na enerxía eólica
É o principio da fin de toda unha era nas Pontes. A central queima o último carbón. Este mércores esgota a derradeira remesa de carbón e cesará para sempre a actividade na central, que leva 47 anos sendo a principal fonte de emprego e un símbolo da comarca. Un peche que xa estaba previsto hai dous anos, e que se adiou pola crise enerxética.
Unha vez se produza o apagado da caldeira, a planta entrará nunha fase de transición cara a "unha situación segura", que implicará traballos de baleirado, limpezas e desconexións eléctricas. Deste xeito, procederase á desconexión dos grupos da rede para poder obter o acto administrativo para desmantelar as instalacións de forma segura.
O presidente do comité de empresa da factoría, Ricardo Casas manifestou que o próximo 1 de novembro, como consecuencia do cesamento da operatividade, xa se prevé a saída de "persoal que se ía a prexubilar e que seguía polas circunstancias da produción". Un segundo grupo de "persoas recolocables en destinos non prexudiciais tamén vai saír o 1 de novembro" e unhas 25 persoas permanecerán nas dependencias á espera de que conclúan os traballos previos ao desmantelamento.
O dirixente sindical matizou que se trata de empregados que serán trasladados a recintos de Endesa no resto de España, mentres que os operarios da industria auxiliar verán prorrogados os seus contratos "ata finais de novembro".