As presas galegas do Miño-Sil e de Galicia-Costa son as que teñen máis auga de España
As presas galegas do Miño-Sil e de Galicia-Costa son as que teñen máis auga de España
Os encoros do Miño-Sil coma os de Galicia-Costa superan o 95 e o 93 % respectivamente de auga
Galicia vive unha primavera inestable no meteorolóxico, pero moi chuviosa. Esas precipitaciónns fan que os encoros da nosa comunidade, tanto os do Miño-Sil coma os de Galicia-Costa sexan os que teñen máis auga ancorada de toda España.
Superan o 95 e o 93 % respectivamente, por diante dos do Cantábrico e a conca do Douro, que tamén están por riba do 90 %. No outro estremo están os do Mediterráneo. En Andalucía rozan o 30 % e en Cataluña e no Segura están en niveis máis preocupantes.
Aínda que se prevé un fin de maio máis seco, todo o que leva chovido en Galicia desde o pasado outubro garante o abastecemento de auga nos meses de verán. Os tres encoros da área de Vigo están case ao 100 %, os mellores datos dos últimos dez anos. Os que abastecen as principais vilas e cidades galegas tamén superan o 90 %. Son niveis que baten marcas se revisamos a serie histórica.
Os nove encoros que conforman a demarcación Galicia Costa están entre o 90 e o 100% de capacidade de auga. Deles tres subministran a área viguesa. Eiras, Zamáns e Baiona. Augas de Galicia confirma que os niveis son superiores aos rexistrados na última década logo duns meses, desde outubro, onde tamén choveu por riba da media.
O encoro de Baiona, que bebe do río Baíña, está ao 100 %; Eiras, a maior presa de toda a conca, tamén, e o encoro de Zamáns, que abastece Nigrán e a súa área de praias, está tamén cheo e garante a subministración no verán superpoboado do sur de Galicia.
O encoro de Eiras, que con vinte dous mil millóns de litros de auga é o maior da demarcación Galicia-Costa, está repleto. Tanto leva chovido desde outubro que estes aliviadoiros da presa verten a auga para que non reborde. De feito, no primeiro trimestre deste 2024 derramaron moita á conca dos ríos Oitavén e Verdugo. Con este nivel queda descartado ningún problema de abastecemento de auga na zona metropolitana de Vigo nos próximos meses.
Baiona, ao 100 %, e Zamáns, ao 95, abastecen de auga zonas de praia que durante os tres meses de verán chegan a triplicar a súa poboación, non só co turismo, senón tamén co desprazamento das familias ás segundas vivendas nas contornas dos areais. Aínda que desde os concellos piden cada verán un uso racional da auga, o estado dos encoros evitará o risco de desabastecemento e de restricións.