Publicador de contidos
Publicador de contidos

As protestas do agro tratan de bloquear as fronteiras con Francia en Cataluña e Euskadi

As protestas do agro tratan de bloquear as fronteiras con Francia en Cataluña e Euskadi

As protestas, coordinadas por agricultores e gandeiros dos dous lados da fronteira, tratan de facer visibles as reivindicacións do sector na última semana das eleccións europeas

Tractores na fronteira entre Euskadi e Francia (EFE/Juan Herrero)
G24.gal 03/06/2024 11:06 Última actualización 03/06/2024 20:24

A autoestrada AP-7, na Jonquera (Xirona) está completamente pechada ao tráfico en dirección a Francia polas protestas convocadas este luns por agricultores españois e daquel país no marco das eleccións europeas. Mentres unha trintena de tractores bloquean xa a fronteira á altura de Irún (Guipúscoa), onde empezan a formarse as primeiras colas de vehículos.

Segundo informa o Servei Català de Trànsit, o corte definitivo da AP-7, produciuse sobre as 09.30, media hora antes do bloqueo da fronteira por parte dos manifestantes, que realizaron unha marcha lenta de tractores ata o punto de concentración, na Jonquera, na autoestrada de maior circulación entre os dous países.

A delegación do Goberno subliñou que os vehículos lixeiros non deben entrar na autoestrada, senón ir por estradas secundarias, e que os camións teñen prohibido dirixirse tamén por esas carreiras secundarias.

No caso e Euskadi, en Irún, os tractores chegaron procedentes de Navarra e Guipúscoa, e intentaban acceder á peaxe da AP-8 en territorio galo, pero os xendarmes impedíanllo. Mentres, que no lado francés os agricultores cortaron o acceso dos vehículos pesados á peaxe de Biriatou. 

A Prefectura dos Pireneos Atlánticos tamén sinalou que hai algúns tractores polo lado francés nos pasos a España por Aragón tanto no porto do Portalet como no Somport.

Estas accións de protesta, que coinciden coa última semana de campaña para as eleccións europeas, os agricultores piden un mellor trato ao sector ante a competencia de terceiros países de fóra da Unión Europea, así como unha serie de medidas como a rebaixa fiscal para o combustible agrícola.

Desde o Goberno central, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, manifestou a semana pasada que esta protesta era "marxinal" e, ao seu xuízo, non supoñía unha reactivación das protestas.

Este luns, a secretaria de Estado de Agricultura, Begoña García, asegurou que o Goberno non negociará con organizacións agrarias con representación non acreditada porque "en democracia hai partidos políticos, sindicatos e organizacións agrarias con representatividade".

O corte de estradas provocou a reacción dos transportistas cataláns, que reclamaron ás autoridades que garantan a libre circulación.

A previsión é que as protestas rematen este martes ás 10.00 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade