As rúas de Santiago están cheas de taboleiros en pedra do tres en raia
As rúas de Santiago están cheas de taboleiros en pedra do tres en raia
Son nove buratos gravados na pedra que parecen todo un misterio
Nun dos bancos da praza do Obradoiro atopamos máis dunha ducia
Compostela sempre garda sorpresas que, en ocasións, temos diante de nós e non nos decatamos. As rúas da cidade están cheas duns taboleiros con nove buratos gravados na pedra. Parecen todo un misterio, pero a súa utilidade era moi concreta.
Ás veces pode custar velos, pero con afinar un pouco a vista damos con algúns buratos, algún taboleiro. E é que en Santiago, haber, hai uns cantos.
"Nós coñecemos arredor de 167. Recentemente coñecemos algún máis".
"Son uns xogos, unha especie de taboleiros. A tipoloxía básica inclúe nove puntos. Hai unha tipoloxía máis variada que ás veces inclúe sucos".
Eran para xogar ao tres en raia. Só neste banco corrido da praza do Obradoiro atopamos máis dunha ducia. Esperta interese coñecer a súa orixe.
"Os que conservamos son de a partir de 1600, que cadra cunha época de relativo éxito económico para o país. Non só se reforman edificios importantes, a catedral mesma, senón que se petrifican espazos públicos".
E así dunha época de cartos podemos coñecer os costumes das clases humildes. Aqueles xogos feitos na terra ou en madeira non chegaron ata nós, pero estes na pedra si. E sorprende o seu número.
"É algo exclusivo de Galicia e de Compostela. E o feito de que haxa tantos é representativo de que as clases populares no seu día a día entretíñanse con xogos".
Con xogos na rúa, xogos que nos desvelan onde se reunían. Taboleiros que dende hai 400 anos son unha pegada daqueles dos que a Historia non adoita falar. E seguen aparecendo.