As tractoradas, por María Loureiro
OPINIÓN
As tractoradas, por María Loureiro
Os agricultores maniféstanse estes días en toda España e nos países veciños por unha serie de motivos importantes. Entre eles, podemos resumir os seguintes:
-Prezos baixos dos produtos agrícolas: Moitos non poden cubrir os seus custos de produción cos prezos actuais, o que lles está levando á ruína. Nalgúns casos, mesmo están a vender os seus produtos por baixo do custo de produción, o que lles xera perdas, e implica un incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.
-Aumento dos custos de produción: O prezo do combustible, os fertilizantes, os fitosanitarios e a man de obra subiu considerablemente nos últimos meses, o que dificultou aínda máis a rendibilidade do sector agrario. Isto provocou que moitos agricultores non poidan obter beneficios e mesmo teñan que endebedarse para seguir adiante.
-Política agraria da Unión Europea (PAC): Os agricultores consideran que a PAC non lles beneficia o suficiente e que non se axusta ás necesidades do sector. Critican que a PAC se centra na produción a grande escala e non ten en conta aos pequenos agricultores. Ademais, consideran que a burocracia asociada á PAC é excesiva e dificúltalles o acceso ás axudas.
-Competencia desleal de produtos de terceiros países: Os agricultores denuncian que os produtos de países con menores custos de produción están a desprazarlles do mercado. Estes produtos, a miúdo, non cumpren coas mesmas normas ambientais e sociais que os produtos europeos, o que lles permite ofrecer prezos máis baixos.
-Outros custos carreados son as secas extensas e o cambio climático, solicitando o sector un plan de seguros máis amplo que cubra estas catástrofes.
-A maiores, o sector está descontento pola falta de substitución xeracional: Os mozos non se incorporan ao sector agrario debido ás precarias condicións laborais e a baixa rendibilidade. Isto pon en perigo o futuro do sector agrario español. Os agricultores tamén reivindican outras medidas como a mellora das infraestruturas rurais, o acceso ao financiamento e a investigación e innovación no sector agrario. As manifestacións dos agricultores son unha forma de expresar o seu descontento coa situación actual do sector agrario e de meter presión ao Goberno e á Unión Europea para que tomen medidas para solucionar os seus problemas. Na UE tamén se queixan pola redución da rebaixa fiscal aplicada ao gasóleo, aínda que en España segue a ser aplicada.
O peso da agricultura dentro do PIB reduciuse en España e Galicia nos últimos anos. En 2021, a agricultura contribuíu cun 2,61 % ao PIB de España, vindo do 3,4 % en 2008. Con todo, no caso galego, a achega do sector agrario é moito maior, chegando a representar o 6,9 % do PIB, e considerando a agroindustria, chegamos ao 9,2 %, o que equivale a 4.126 millóns de euros. En termos de emprego, vemos que o emprego derivado directamente na agroindustria roza o 9,3 % total, cun amplo efecto tractor en industrias relacionadas.
Pero ademais, non só poñemos valor á agricultura por todos os bens e servizos que xera no mercado, senón por outros que nos ofrece. A agricultura é un sector esencial, e xoga un papel fundamental na economía global, proporcionando unha serie de servizos cun valor incalculable: seguridade alimentaria, fundamental cando se restrinxen os movementos comerciais; ademais de facilitar o desenvolvemento rural e protexer o medio ambiente. En suma, quizais teñamos que comezar a pensar que“ amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale”.