Publicador de contidos
Publicador de contidos

Treboadas no Levante causan asolagamentos e anuncian unha dina para este mércores

Treboadas no Levante causan asolagamentos e anuncian unha dina para este mércores

Colapsa o teito dun supermercado, envorca un catamarán e teñen que sacar os nenos da auga

A Aemet activa alertas en nove comunidades por forte choiva e tormentas

G24.gal 13/08/2024 22:18 Última actualización 14/08/2024 15:18

Violentas tormentas de auga e sarabia rexistradas este martes na metade oriental peninsular, sobre todo na Comunidade Valenciana, Cataluña, Navarra e a Rioxa, puxeron fin de golpe á calor sufocante destes días e deixaron inundacións e incidentes horas antes da chegada este mércores dunha dina.

A Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias xa lanzara á primeira hora da tarde deste martes unha alerta por choivas intensas e fortes tormentas en Aragón, Navarra, A Rioxa e Comunidade Valenciana, pero chegaron tamén a Cataluña, que este mércores está en aviso laranxa, do mesmo xeito que Baleares.

E todo iso antes de que a vagada atlántica de aire frío se transforme nas próximas horas nunha depresión illada en niveis altos (dina) que deixará máis choiva localmente forte e con saraiba.

 O colapso do teito dun supermercado

Parte do teito dun supermercado situado en Ontinyent (Valencia) colapsou a causa da intensa choiva rexistrada este martes pola tarde, un incidente que non causou feridos e que obrigou a desaloxar unhas 300 persoas do local.

Na provincia de Castelló, as choivas deixaron unhas precipitacións acumuladas de 65,2 litros por metro cadrado en Benassal e 47 litros en Atzeneta do Maestrat.

Rexistráronse tormentas de intensidade moi forte e con saraiba en zonas do interior e prelitoral da provincia de Castelló, que avanzaron cara ao litoral, e tamén na provincia de Alacante descargaron saraiba en Vallada, na comarca de La Costera.

As tormentas afectaron o tráfico da CV-10 dirección Cabanes debido á intensa sarabiada, e cortouse o carril esquerdo da AP-7 no quilómetro 411,500 á altura de Oropesa, en sentido Barcelona, por auga na calzada.

O Consorcio de Bombeiros de Castelló atendeu varias incidencias como un toldo arrincado polo vento en Oropesa, un incendio de vexetación por caída de raio nunha zona dun parque de campismo neste municipio, e o incendio dun cadro eléctrico por caída de raio en Cabanes.

Caos no Port da Selva e Llançà

Outra violenta tormenta, que chegou de forma rápida e inesperada á Costa Brava, sementou o caos en poboacións como O Port da Selva e Llançà (Xirona), onde mesmo caeu sarabia. 

A tormenta sorprendeu os bañistas, xente que practicaba caiac ou paddle surf, e embarcacións que estaban no mar, na baía do Port da Selva. Entre outros incidentes, un Hobie Cat (catamarán pequeno) envorcou e un veleiro acabou chocando cos barcos que estaban no Club Náutico, a varios centenares de metros.

Ademais os socorristas da praia Gran sacaron varios nenos que naquel momento se atopaban na auga.

As tormentas afectaron tamén Pamplona e, por exemplo, en Viana tiveron que ser rescatadas polos bombeiros tres persoas que quedaron atrapadas nun vehículo asolagado nun centro comercial, aínda que ningunha requiriu atención médica. En Estella houbo vivendas anegadas e mesmo foi necesario trasladar os usuarios dunha residencia de maiores.

As fortes trombas de auga tamén afectaron ao Val do Ebro onde o pedrazo provocou danos nas colleitas de froita. "Foi unha tromba de pedrazo que estragou o 80% da colleita", di un agricultor de Lleida.

A Aemet activa alertas en nove comunidades por fortes choivas e tormentas

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou alertas en nove comunidades autónomas ante a previsión de que se rexistren ao longo deste mércores forte choiva e tormentas, que van ser especialmente intensas no litoral mediterráneo e en Baleares.

Os avisos son de nivel laranxa (risco importante) nas comunidades de Andalucía, Baleares, Cataluña, Murcia e a Comunidade Valenciana, onde a choiva vai ser moi abundantes e acumularán ata 40 ou 50 litros por metro cadrado nunha hora e en moitos lugares ata 100 litros por metro cadrado en dous ou tres horas.

Nas mesmas comunidades o aviso é laranxa tamén ante a previsión de fortes tormentas, e a Aemet avisou de que irán acompañadas de sarabia -con bólas que poden superar os 2 centímetros de espesor- e refachos de vento moi forte, de ata 100 quilómetros por hora, segundo os datos deste organismo.

A alerta amarela (risco) activouse tamén en moitas áreas desas cinco comunidades e nas de Aragón, Castela-A Mancha Navarra e o País Vasco, ante a previsión de que se rexistren tamén choiva moi intensa, que en moitos lugares poden alcanzar os 40 litros por metro cadrado, e por tormentas, que irán tamén acompañadas de saraiba e de refachos moi fortes de vento.

Os avisos por altas temperaturas limítanse nesta xornada á comunidade de Andalucía, onde se acendeu o nivel "amarelo" (risco) por calor en amplas zonas da provincia de Málaga, onde os termómetros subirán ata os 38 graos.

O mapa de avisos meteorolóxicos complétase con alertas de nivel "amarelo" nos arquipélagos balear e canario e no litoral de Xirona ante a forte ondada que se vai rexistrar, e nas Canarias activáronse tamén avisos polo forte vento que van soprar nas illas de Gran Canaria, A Palma, A Gomera, O Hierro e Tenerife, de ata 80 quilómetros por hora.

As predicións meteorolóxicas motivaron que a Aemet publicase un aviso especial ante a chegada desta dina, que desde onte e ata mañá vai dar lugar a unha acusada inestabilidade atmosférica en gran parte da península e en Baleares.

Por mor desa inestabilidade espérase que en grandes áreas do litoral mediterráneo se produzan precipitacións, localmente fortes ou moi fortes, acompañadas de tormentas, e en moitos casos de saraiba e refachos moi fortes de vento, o que supón, advertiu a Aemet, un importante risco para as persoas e os bens expostos a esas inclemencias.

O tempo vén estragar unha das pontes festivas con máis desprazamentos do ano. O aeroporto de Palma de Mallora sofre importantes atrasos nos voos polas condicións meteorolóxicas. E o porto da Savina en Formentera permanece pechado ante as condicións no mar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos