Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chega o anticiclón despois da borrasca con noites de friaxe en Lugo e Ourense

Chega o anticiclón despois da borrasca con noites de friaxe en Lugo e Ourense

As temperaturas mínimas baixarán notablemente polas noites

As xeadas e as brétemas marcarán as primeiras horas das mañás

G24.gal 11/01/2025 21:37 Última actualización 11/01/2025 21:50

Entra o anticiclón e o solpor deste sábado estivo marcado polas nubes que se van afastando e por un ceo gris que foi clareando coas raiolas. Durante a tarde, as temperaturas mínimas xa se achegaron aos catro graos na montaña de Ourense, por debaixo dos días anteriores. 

"Despois desta semana de borrasca, con esas chuvias tan intensas que tivemos agora cambia a situación radicalmente. Pouco a pouco vaise ir metendo o anticiclón. Hoxe mesmo xa vemos que, aínda que a primeiras horas tivemos néboas e orballou un pouco, agora pola tarde xa notamos máis luz e como se vai metendo o anticiclón", asegura María Souto, meteoróloga de MeteoGalicia.

Xaneiro comezou con moitas precipitacións pero este anticiclón a partir do luns vai deixar friaxe con rexistros en negativo, brétemas polas mañás e xeadas, e de momento parece que vai durar uns días.

"Estamos con noites moi longas. O arrefriamento radiativo polas noites e a ausencia de vento, vai deixar na zona da Limia e en moitos puntos do sur da provincia de Lugo temperaturas moi baixas, arredor de -4, -5, -6. Na zona dos vales onde non hai vento e queda o aire frío aí quieto durante a madrugada será onde se rexistren as temperaturas máis baixas", indica Souto.

Durante o día, as temperaturas non van descender demasiado porque o anticiclón non trae unha masa de aire moi frío.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade