Publicador de contidos
Publicador de contidos

As treboadas provocan danos e obrigan a pechar unha céntrica rúa de Ourense

As treboadas provocan danos e obrigan a pechar unha céntrica rúa de Ourense

Os sumidoiros non aguantaron a presión que levaba a forza da auga e unha das tubaxes acabou rebentando

G24.gal 29/05/2023 14:44

Aviso amarelo por treboadas en boa parte da metade sur de Galicia. Iso mentres aínda se avalían os estragos causados polas chuvias das últimas horas en lugares como Ourense, en particular na rúa Celso Emilio Ferreiro. Os traballos de reparación manteñen a rúa cortada e co tráfico desviado.

A auga baixou con tal forza que os sumidoiros non aguantaron a presión e unha das tubaxes acabou rebentando. A tromba de auga levantou o asfalto e as beirarrúas en distintos puntos e inundou varios locais comerciais, que hoxe se preparan ante o aviso de novas treboadas a partir da tarde. 

Foi en apenas unha hora. Un forte trebón á primeira hora da tarde deixou na cidade de Ourense acumulacións de máis de 14 litros por metro cadrado. Pero é nesta rúa, Celso Emilio Ferreiro, onde hoxe eran máis evidentes os estragos da auga.

"Foi a hecatombe, o de sempre, empezou a chover arreo e cando rematou isto xa era a lagoa. Empezou a correr a auga por baixo, tapiaron un dos sumidoiros porque sempre saltaba, e a auga busca o seu sitio e levou todo por diante".

"Daba a impresión cando baixaba a auga de que se inclinaba a rúa da forza da auga".

Din os veciños que, malia estaren acostumados a que auga baixe con forza pola rúa cando chove seguido, o de onte foi distinto. Pola tarde Viaqua instalaba barreiras nas portas dos locais para evitar asolagamentos, pero nalgún caso non abondou.

"Os de Viaqua puxeron aquí estas madeiras para que non entrase, pero a moitos si que se lles asolagaron os locais e era visto que nalgún momento ía pasar isto".

Nesta tenda situada apenas uns metros máis arriba, din que nin sequera poden polo de agora avaliar os danos. 

"Sacamos onte dúas capas de xornais para que absorbera todo e empezaremos a levantar un pouco o chan para ver como está por baixo. O mostrador e tarima imaxinamos que están encharcados porque onte o mostrados flotaba".

Eles tentarán abrir, outros coma este taller mecánico téñeno máis complicado.

"Agora non me poden chegar coches aquí a ver cómo fago. Non sei se pechar esta semana e a ver cantos días imos estar con isto".

Apuntan ademais a outra posible causa dos asolagamentos.

"Hai unha mina un pouco máis arriba e quedou aí hai moitos anos cando fixeron a traída, non podes mudala do sitio, hai que canalizala ou o que sexa. Cando chove moito o nacente volve coller auga e levouno todo por diante".

Traballan para arranxar os estragos e determinar se a forza da auga danou a estrada por baixo. Namentres a rúa seguirá pechada ao tráfico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade