As trinta carrozas do Entroido de Amoeiro xa están case a punto
As trinta carrozas do Entroido de Amoeiro xa están case a punto
Todos traballan arreo estes días para ter a punto as trinta carrozas que van percorrer as aldeas de Amoeiro e Maside durante os días do Entroido. É unha tradición que se remonta á década dos oitenta, e din que a maior satisfacción é ser quen de levarlles a festa do Entroido á porta da casa sobre todo aos máis maiores.
Héctor Caramés Fernández, participa na elaboración das carrozas.
"Levamos arredor de corenta anos, empezamos por tractores, fomos evolucionando todos. Xuntámonos grupos de amigos en estruturas como vedes de chasis de coches: uns soldan, outros remachan, outros pintan."
Cómpre o tempo e mans que axuden para que as carrozas vaian collendo forma. Cada grupo coa súa idea, en total serán trinta as que o domingo e o luns do entroido percorran case unha vintena de aldeas do concello de Amoeiro e outros municipios limítrofes.
Na organización desta caravana itinerante de Entroido participan arredor dunhas trescentas persoas. Unha alegría din, máis que necesaria estes días.
E ollo, que o resultado final de tanto traballo non é calquera cousa. Contan que, ademáis desta lámpada con xenio incluído, haberá barcos, cisnes e moitas outras ideas que polo momento non queren revelar. Din que a sorpresa forma parte tamén da maxia do Entroido.