As tropas romanas cruzan un ano máis o río Lethes na Festa do Esquecemento
As tropas romanas cruzan un ano máis o río Lethes na Festa do Esquecemento
No ano 137 antes de Cristo as lexións romanas chegan a carón do río Limia comandadas por Décimo Xuño Bruto. Todo está preparado para comezar a invasión. O outro lado agardan os castrexos para repeler o ataque.
"Tiñamos medo a perder a memoria, esquecer as familias alá... Diso se trata o cruce, de demostrarlle á xente e aos meus soldados que non era para tanto a cousa."
Décimo Xuño Bruto é o primeiro en atravesar o Limia que os romanos identificaban co Lethes, o río do Esquecemento e chama a cada soldado polo seu nome para amosarlles que malia o que di a lenda, conserva a memoria tras cruzar as súas augas. Unha vez en terra comeza a batalla contra os castrexos. A historia é teimuda e unha vez máis Roma é a que gaña.
"Non hai maneira, por moito que nós nos empeñemos non sei que acaba pasando pero acábannos matando sempre. É a historia, pero é o bonito, cumprimos coa historia."
"Morremos todos defendendo a terra para que non sexa conquistada polos romanos, pero coido que á fin chegaron."
"Nunca morrer foi tan divertido."
Rematada a batalla romanos e castrexos comparten campamento a carón do río Limia, nunha celebración que é xa todo un referente no calendario festivo da vila.
"Estamos moi contentos de poder transmitir esa parte da cultura, esa cultura que é común desta terra a todos os veciños, non só os participantes, e de que sexan os novos os que collan a remuda e fagan medrar isto." Apunta Marcos Argibay, da asociación "Civitas Limicorum".
"O cruce do río xa significa o final de tres días de festa aquí compartindo no campamento cun montón de amigos, gozando, bailando, cantando."
"Para nós pois é alegría."
Contra a media noite rematan os festexos. O Esquecemento apaga o lume sagrado do seu campamento ata o vindeiro ano.