Publicador de contidos
Publicador de contidos

As universidades galegas prepáranse para aforrar enerxía

As universidades galegas prepáranse para aforrar enerxía

O presidente da Xunta chama a conectar máis a universidade coa empresa e a seguir internacionalizándose

O acto de apertura do curso reivindicou a universidade pública como garante de oportunidades

G24.gal 09/09/2022 15:37 Última actualización 09/09/2022 16:10

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asegurou este venres que se van revisar horarios na universidade para favorecer o aforro de enerxía.

As tres universidades públicas de Galicia -USC, UDC e Uvigo- abriron este venres o novo curso e reivindicáronse como o “ascensor social esencial para conseguir unha sociedade máis igualitaria” no ano en que se estrea a primeira universidade privada na comunidade.

Así o manifestou o reitor da Universidade compostelá, Antonio López, durante o acto de apertura de curso que tivo lugar no Pazo de Fonseca e ao que asistiron os seus homólogos da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e o presidente da Xunta. Alfonso Rueda, así como representantes de diversas institucións sociais, políticas, culturais e académicas de toda Galicia.

O reitor destacou as novidades coas que inicia o curso universitario 2022/2023 con novas titulacións coas que os centros buscan “ofrecer a mellor alternativa para o que demandan os nosos estudantes, e tamén o tecido produtivo e a sociedade en xeral”.

Neste sentido, tamén se referiu á creación de novas modalidades de títulos como é o caso dos cursos duais “que xa demostraron a súa utilidade, tanto desde o punto de vista formativo como de empregabilidade”.

No seu discurso, o reitor compostelán tamén deu a “benvida” á primeira universidade privada de Galicia, a Universidade Intercontinental da Empresa, á que ofreceu “toda a colaboración institucional necesaria” mentres reivindicou a “misión esencial” da universidade pública como garante da “igualdade de oportunidades”.

“Temos que garantir que a cidadanía poida alcanzar a formación e os resultados acordes coas súas capacidades, con independencia de cal sexa a súa condición social, económica ou familiar”, defendeu.

Finalmente, o responsable da USC volveu a reclamar “un orzamento plurianual estable” para as universidades, que “é esencial para garantir a autonomía financeira” dos centros universitarios.

A lección maxistral do inicio correu a cargo do catedrático de Historia Antiga José Carlos Bermejo coa conferencia ‘Información, comunicación e historia’ en que profundou en como “a humanidade tentou dar conta do seu pasado” a través da linguaxe, os ritos e os xestos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade