Publicador de contidos
Publicador de contidos

As vacas tamén van ao podólogo

As vacas tamén van ao podólogo

O máis de medio millón de vacas estabuladas en Galicia necesitan pasar polo podólogo polo menos unha vez cada seis meses

Trátase dunha profesión cunha gran demanda de man de obra

O galego Juan Sánchez é o actual campión do mundo de recorte de pezuños

G24.gal 02/01/2024 14:39

Aínda que non o pareza, unha parte fundamental da saúde das vacas depende do estado das súas patas, polo que cómpre que pasen polo podólogo polo menos unha vez cada seis meses. 

A unha vaca hai que colocarlle un zapato de madeira para corrixir unha ferida no pezuño. Se todo vai ben, en poucos días volverá estar a pleno rendemento. É un exemplo do labor dos podólogos de vacún que traballan a diario nas granxas para evitar caídas na produción de leite.

Como sinala Rosa Noia, gandeira de vacún de leite, "as vacas coxas non se levantan a comer, baixan a produción, adelgazan e non as vemos nós ben. Alargan máis os días sen leite, co cal ao longo do ano, se tes moitas vacas coxas, vas ter moitos máis días abertos sen leite".

Se antigamente era un traballo moi duro e pouco valorado, hoxe en día as técnicas avanzaron moito, con poldros hidráulicos que permiten traballar con seguridade tanto para o animal como para os técnicos e facer o seguimento informatizado de cada animal.

Galicia está á vangarda nestas técnicas, como demostrou Juan Sánchez, gañador do primeiro campionato do mundo de recorte de pezuños, no que participaron técnicos de 17 países: "A proba era un minuto de tempo no que tiñas que facer dúas patas, unha traseira e outra dianteira, e seguidamente os xuíces valoraban o traballo realizado. É unha satisfacción grandísima, non só a nivel persoal, senón tamén profesional, porque despois de 25 anos de dedicación a esta profesión tamén é unha maneira de valorar todo este traballo".

Hai moita demanda deste tipo técnicos e as empresas están buscando constantemente novos traballadores que queiran aprender.

Pablo Salgado, técnico en saúde podal de SERAGRO e compañeiro de Juan Sánchez, considera que "as ganderías que quedan van medrando, vanse profesionalizando, cada vez esixen máis e, polo tanto, fai moita falla man de obra. Aquí hai traballo e quen queira aquí estamos dispostos a entrevistar e hai traballo para eles".

Para dar máis visibilidade ao seu traballo, os técnicos galegos foron uns dos principais promotores de APPB, a Asociación Profesional de Podoloxía Bovina, que integra case un cento de especialistas en saúde podal de España e Portugal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade