As vacas volven repartir sorte na Mezquita
As vacas volven repartir sorte na Mezquita
Os animais elixen coas súas bostas os gañadores dun sorteo organizado polo Concello e os empresarios da vila
É unha tradición destas datas. Algo escatolóxica, si, pero tamén moi agardada polos veciños da Mezquita.
O conto é que dúas vacas teñen que escoller os premiados ou premiadas. Con que? Con bosta. Nunca tantos ollos estiveron enriba dúas vacas. Non chegaron puntuais. Pasaban ben as doce cando puxeron os pezuños enriba dos números do sorteo para realizar a ardua tarefa de apertar a bandullada.
"Hai dúas vacas, unha caga enriba dun número e outra nunha letra, e con esa combinación temos cinco premios, para poder chegar a todos", explican.
O tempo non acompañou os asistentes, que esperaban ao cuberto por unhas feces que non chegaban. Con tanto observador é normal que estiveran cohibidas. "Houbo dúas vacas que estaban aquí e escaparon, saltaron o pastor". "Estaban todos a berrar e unha vaca asustouse e escapou, e despois outras dúas", explican.
Este peculiar sorteo artéllao o Concello da Mezquita e a Asociación de Empresarios da vila co fin de impulsar o comercio local durante o período do Nadal. Ao longo de aproximadamente un mes, as empresas da iniciativa reparten vales con cada unha das compras ou consumicións realizadas polos seus clientes cun número, que con sorte, rematará cuberto de gloria.