Publicador de contidos
Publicador de contidos

As verteduras industriais ao río ocasionan a mortaldade de troitas en Cerceda

As verteduras industriais ao río ocasionan a mortaldade de troitas en Cerceda

A Sociedade de Pesca Río Lengüelle denuncia que os malos cheiros e a escuma son frecuentes

G24.gal 06/04/2022 20:32

A Sociedade de Pesca Río Lengüelle denuncia que nos últimos días houbo unha vertedura con cheiro a lixivia que ocasionou a morte das troitas nun tramo do río que pasa onda o polígono industrial de Cerceda. Segundo a denuncia, as verteduras nese tramo son bastante frecuentes.

As imaxes captadas con tempo seco e solleiro son unha evidencia de que a canalización de pluviais que desemboca no Acevedo en Cerceda non leva auga de chuvia. O tramo fluvial onda o polígono industrial do mesmo nome presenta varias mostras de contaminación e mesmo hai zonas con cheiro desagradable. Días atrás, unha vertedura aínda maior provocu a mortaldade de troitas, como denunciaron desde a Sociedade de Pesca Río Lengüelle.

"Había un cheiro forte a lixivia e xa me decatei de que había escuma. Xa é a segunda vertedura que se producía estas semanas pasadas. A anterior xa deixara unha mortaldade de troitas bastante grande en 500 metros de río. E claro, agora mesmo non había troitas mortas porque xa morreran todas nese primeiro. Entón chamamos e denunciamos a vertedura. Nos últimos tempos nesta zona están a producirse varias verteduras" conta un dos membros da sociedade de pesca, Mario Castro.

Sospeitan que a orixe está en que no polígono hai empresas que non están conectadas á rede da depuradora e verten ás canalizacións de pluviais elementos contaminantes que acaban no leito do río. Encontramos varias persoas camiñando que din que isto pasou moitas veces. Algunha, como Geli, quixo contalo.

"Algunhas veces vimos paseando e temos visto peixes mortos, sucidade de escuma sobre todo nas zonas do río onde empoza algo a auga, escuma e ás veces peixes mortos tamén" comenta unha veciña de Cerceda

Ademais dos prexuízos e mesmo mortaldade da fauna e flora do río, desde a Sociedade de pesca Río Lengüelle alertan de que os riscos de verteduras tóxicas son aínda máis amplos.

"Uns quilómetros máis abaixo está a captación de auga que consumimos os veciños de Cerceda, que é un problema bastante grave tamén".

Explican que dar co causante das verteduras non é doado, porque xeralmente adoitan facelo en horas en que non se vexa moito nin haxa testemuñas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade