As viaxes do Imserso comezan en outubro, tras desestimarse os recursos xudiciais
As viaxes do Imserso comezan en outubro, tras desestimarse os recursos xudiciais
O Ministerio de Dereitos Sociais asegura que "traballa para que estea todo listo para as datas marcadas"
O programa de viaxes do Imserso da tempada 2023-24 arrincará finalmente durante a segunda quincena de outubro, tras a decisión da xustiza de rexeitar os recursos que se presentaron contra a adxudicación de todos os lotes ao grupo turístico mallorquino Ávoris.
Así o anunciou este martes o Ministerio de Dereitos Sociais, que detallou que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais (TACRC) desestimou os recursos presentados á licitación, co que "o Imserso traballa para que estea todo listo para as datas marcadas usualmente no calendario, durante a segunda quincena de outubro".
O programa da tempada 2023-24 conta con case 900.000 prazas, unhas 70.000 máis ca na tempada anterior, repartidas en tres lotes: 443.887 para viaxes de costa peninsular; 230.039 de costa insular e 212.343 de turismo de escapada (con circuítos culturais, de natureza ou de visita de capitais de provincia).
A comezos de setembro o TACRC admitiu os recursos presentados polos outros tres grupos que poxaran polos lotes (Mundiplan, Seniorplan/Nautalia e Soltour) contra a adxudicación en xullo de todos eles a Ávoris, o que fixo temer que o inicio das viaxes se atrasase mesmo a comezos do próximo ano.
Onte mesmo a Confederación Española de Axencias de Viaxes (CEAV) mostrou a súa preocupación polo atraso que se podía producir na execución deste programa de vacacións para maiores.
Con todo, ese tribunal finalmente deu a razón a Ávoris e desestimou os recursos contra un programa que está valorado en case 850 millóns de euros.
Agora procederase á sinatura do contrato coa adxudicataria dos distintos lotes, e, a continuación, ao envío das cartas de acreditación ás persoas usuarias das viaxes detallando a información que necesitan os pensionistas para reservar as súas viaxes.
Logo, comezará a comercialización por parte das axencias autorizadas para poder dar comezo á tempada de viaxes.
O Ministerio de Dereitos Sociais, dos que depende o Imserso, asegura que para esta tempada modificáronse os criterios de adxudicación, "primando a calidade da oferta", aumentáronse as prazas, incluíndo as individuais, e incorporáronse novas rutas culturais e de natureza.
Ademais, por primeira vez, estendéronse os circuítos de interior a todas as capitais de provincia do país.