As viaxes do Imserso poñeranse á venda en Galicia xoves e venres
As viaxes do Imserso poñeranse á venda en Galicia xoves e venres
As reservas poderán facerse nas axencias de viaxes ou a través das webs das empresas adxudicatarias
En Galicia as viaxes do Imserso poderán reservarse o xoves e o venres, pero nas axencias que colaboran co programa de turismo social xa se deixa notar a actividade.
"Nós desde hai uns días xa estamos facendo un traballo previo preparando xa a data de reserva, os días 22 e 23. Levamos uns días facendo ese traballo previo para saber o que a xente quere coller", comenta Fernando Carrasco, responsable da axencia Viaxes Ría do Burgo, de Culleredo.
Entre os lugares preferidos das persoas pensionistas galegas sobresaen clásicos como Benidorm ou as illas Canarias, aínda que tamén medran outros destinos.
"Está a coller forza tamén o turismo de natureza. Viaxes culturais que antes se movían menos. Para min son os que teñen maior calidade e a verdade é que agora a xente comeza a preguntar por ese tipo de viaxe", asegura Francisco Fernández, axente de viaxes da Axencia Beira.
Os prezos van desde os 115 euros por catro días nunha capital de provincia ata os 405 euros por dez días nas Canarias. Os prezos mantéñense sen subas e provocaron as críticas do sector hoteleiro.
"Os profesionais si notamos que hai hoteis que se desmarcaron deste programa porque sendo un pouco empáticos con eles, realmente dá para cubrir gastos", argumenta Francisco Fernández.
"Hai moitas menos prazas e máis xente inscrita nova no Imserso este ano. Os hoteis que traballan habitualmente co programa do Imserso non queren traballar no programa e buscan mercado noutros lugares fóra de España, e o problema é que hai máis demanda que oferta de prazas", engade Fernando Carrasco.
Este ano ofértanse máis de 816.000 prazas. As reservas poderán realizarse tanto de xeito presencial nas axencias como a través das webs das empresas adxudicatarias.