As violacións subiron un 53% en España en comparación cos datos pre-pandemia
As violacións subiron un 53% en España en comparación cos datos pre-pandemia
En Galicia a criminalidade medra un 15,8% con respecto ás cifras de antes da pandemia
As tentativas de homicidio medraron un 44 por cento e a cibercriminalidade disparouse un 72%
O Ministerio do Interior constata un aumento dos delitos en comparación co 2019, o ano anterior á pandemia
Galicia rexistrou en todo o ano 2022 un total de 95.048 infraccións penais, un 15,8% máis ca no 2019, o ano previo á pandemia da covid-19.
Con todo, pechou o último trimestre do ano como terceira comunidade autónoma máis segura de España.
Así o recollen as estatísticas do Ministerio do Interior feitas públicas este venres.
En Galicia, coñecéronse entre xaneiro e decembro 95.048 infraccións penais, que son máis que as 88.255 de 2021 e que as 80.024 de 2019.
Dos máis de 95.000 ilícitos rexistrados na Comunidade galega o ano pasado, un nutrido grupo de 25.981 foron estafas.
En proporción á poboación, a provincia da Coruña é a que rexistra a taxa máis alta de delitos seguida de Pontevedra, Ourense e Lugo.
En España soben un 53% as violacións e un 44% as tentativas de homicidios
O Balance de Criminalidade publicado polo Ministerio do Interior reflicte un incremento dos delitos en España en relación con 2019.
As violacións subiron un 53 %, as tentativas de homicidios un 44 % e os delitos relacionados con lesións e rifa tumultuaria incrementáronse nun 31 %. Neste período, a cibercriminalidade tamén aumentou. Fíxoo nun 72 %.
Segundo o Balance de Criminalidade realizado por Interior, cometéronse en España 2,3 millóns de delitos. É un 5,7 % máis se se compara con 2019 e un 18 % superior ao rexistrado en 2021.
A taxa de criminalidade sitúase nos 48,8 feitos penais coñecidos por cada mil habitantes.
Nun comunicado, o Ministerio do Interior destaca: "España mantén unha taxa de criminalidade baixa fronte aos valores en países de referencia da contorna europea". Así, esta taxa sitúase no 79,5 no Reino Unido, no 74,8 en Bélxica, no 60,7 en Alemaña, e no 53,9 en Dinamarca.