Publicador de contidos
Publicador de contidos

As vítimas do Alvia critican que o fiscal retirara os cargos contra Cortabitarte

As vítimas do Alvia critican que o fiscal retirara os cargos contra Cortabitarte

Manteñen as súas acusacións contra o ex-xefe de seguridade do Adif

Acusan a Fiscalía Xeral do Estado de influír na rectificación do fiscal 

Confían en que a xuíza atenda as peritaxes independentes

Xuízo do accidente do Alvia na Cidade da Cultura
G24.gal 01/07/2023 14:43 Última actualización 01/07/2023 17:55

A fase final do xuízo do Alvia, case dez anos despois do accidente, mantén as vítimas pendentes dunha resolución que atenda as peritaxes independentes expostas nas distintas comparecencias.

Falamos con Jesús Domínguez, o voceiro da Plataforma de Vítimas. Amosou a súa preocupación polo cambio de postura do fiscal que retirou a acusación contra o ex-cargo de Adif.

A Plataforma de Vítimas segue adiante coas súas acusacións contra o ex-xefe de seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte. Critican a decisión do fiscal de retirar os cargos contra el e o voceiro da plataforma acusa a Fiscalía Xeral do Estado de influír nesta rectificación. 

"Precisamente no xuízo oral quedou máis clara a responsabilidade de Adif e Cortabitarte, e por iso este xiro do fiscal non se entendeu por ningunha das partes, aínda que por outra banda, entendemos que hai unha xerarquía e estamos falando da Administración e seguramente recibiu ordes o fiscal para mudar a súa postura". 

Entende que a ADIF é quen máis responsabilidade tivo no accidente, ademais das propias esixencias políticas de quen vendeu como segura unha alta velocidade que non o era. 

"Nós mantemos a petición e incluso ampliamos a inhabilitación a seis anos porque desde a Plataforma e en diferentes asembleas o que temos claro é que hai moita máis responsabilidade por parte de ADIF que por parte do maquinista, porque entendemos que Cortabitarte tomou dúas decisións conscientes". 

Estas dúas decisións son a sinatura da posta en servizo da liña Ourense-Santiago e a desconexión do sistema ERTMS de control de velocidade dos Alvia.

Confían en que a xuíza atenda todos os testemuños destes meses e as peritaxes independentes dun caso que quedará visto para sentenza o próximo día 27.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade