As vivendas turísticas en Santiago só poderán situarse en baixos e primeiros andares
As vivendas turísticas en Santiago só poderán situarse en baixos e primeiros andares
A normativa prevé a posibilidade de uso mixto, de xeito que un piso estea alugado a estudantes durante o curso e no verán a turistas
No concello de Santiago, as vivendas turísticas só poderán estar en baixos ou primeiros andares. Mesmo poderían transformarse nalgúns casos locais comerciais e facelos habitables. Uns límites que non convencen todos propietarios.
A Concelleira de urbanismo, Mercedes Rosón explica: "Non queremos prohibir as vivendas para o alugueiro turístico, senón que permita desenvolvelo pero esixindo requisitos ou límites que eviten a desaparición dese uso residencial".
Para Estrella Ferreiro, do colectivo de propietarios de vivendas turísticas de Santiago, a medida "é inxusta e lesiva para nós que cando investimos en adecuar as vivendas a este alugueiro non había limitación normativa que o impedise."
Ademais a norma prevé a posibilidade de uso mixto. Un piso que durante o curso estea alugado a estudantes e no verán a turistas.
Rafael Rodríguez, da Asociación Galega de Inmobiliarias e da Plataforma para a regulación das vivendas turísticas de Galicia, lembra que "o problema comezou nos últimos anos cando se produciu o transvasamento de centos de pisos que se alugaban a familias e estudantes ao modelo das VUTS (vivendas de uso turístico)".
Polo momento o pleno do Concello de Santiago aprobou a exposición pública desta modificación coa que buscan incrementar a oferta de vivenda para uso residencial e evitar o éxodo de veciños e estudantes cara a outros municipios.
Santiago tamén contempla a posibilidade de establecer unha taxa para os turistas, como xa sucede noutras cidades europeas.