Publicador de contidos
Publicador de contidos

As xornadas da Federación Alzhéimer Galicia visibilizan a doenza

As xornadas da Federación Alzhéimer Galicia visibilizan a doenza

Na actualidade hai biomarcadores que permiten dar un diagnóstico en fases moi temperás desta enfermidade

G24.gal 15/04/2023 14:54 Última actualización 15/04/2023 15:23

A Ildefonso Fernández diagnosticáronlle a enfermidade de Alzheimer con 58 anos en 2017. Este sábado participaba en Compostela nas Xornadas Interdisciplinarias da Federación Alzhéimer Galicia contando a súa experiencia. Despois de máis de seis anos de enfermidade aínda pode manter unha vida relativamente normal.

"O meu cerebro está moito máis danado pero eu estou moi ben grazas a tratamentos e terapias... a terapia que recibo semanalmente seis horas, o psicólogo que me trata semanalmente na Asociación e sobre todo o estar activo", di Ildefonso.

Nestas xornadas os protagonistas son os enfermos, aos que se lles dá voz, pero nelas tamén participan coidadores e médicos especialistas. 

Desde a Federación Alzhéimer Galicia destacan a importancia do diagnóstico temperán e de visibilizar esta enfermidade.

"Hai que adaptarse a unha nova maneira de vivir evidentemente pero o que non podemos é ter sempre ese estigma, que fai que quedemos na casa e que nos illemos", destaca Isabel Gey, presidenta da Federación Alzhéimer Galicia.

Na actualidade hai biomarcadores que permiten dar un diagnóstico en fases moi temperás do alzhéimer.

"Así ao paciente permíteselle comezar cunha serie de terapia preventiva, de control de factores de riscos vasculares, de exercicio, de actividades sociais, estimulación cognitiva xunto cos tratamentos sintomáticos que temos", di María José Moreno, neuróloga da Unidade de Demencia do CHUVI.

E todo isto á espera dos novos tratamentos.

"Son tratamentos que poden modificar xa o curso da enfermidade, coma os que están a desenvolver nos Estados Unidos", engade María José Moreno.

Na actualidade estímase que unhas 70.000 persoas padecen alzhéimer en Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade