Publicador de contidos
Publicador de contidos

O tremor que arrasou o centro do Xapón suma xa 126 vítimas mortais

O tremor que arrasou o centro do Xapón suma xa 126 vítimas mortais

Outras 211 persoas seguen desaparecidas e medio millar están feridas

É o sismo máis mortífero rexistrado no país dende o ano 2011

G24.gal 06/01/2024 08:38 Última actualización 06/01/2024 11:32

A cifra de persoas falecidas polo forte tremor que golpeou o centro do Xapón o pasado luns elevouse a 126, mentres continúa a busca doutras 211 aínda desaparecidas, unhas tarefas dificultadas polas desfeitas nas infraestruturas e as choivas e nevadas.

O sismo de magnitude 7,6 que sacudiu a prefectura de Ishikawa causou importantes danos en estradas e vivendas, onde se cre que continúan centos de persoas atrapadas ou illadas á espera da chegada dos servizos de rescate.

Á dificultade de acceder a todas as zonas afectadas súmanse as repetidas réplicas do tremor, entre elas unha este mesmo sábado de magnitude 5,3, que xunto ás condicións meteorolóxicas adversas están a causar novos desprazamentos de terra e asolagamentos.

Ademais das 126 persoas falecidas, a maioría nas localidades de Wajima e Suzu, e as 211 desaparecidas, hai outras 516 feridas de diversa consideración.

Este mesmo sábado, unha avalancha de barro causada polo último tremor arrasou ducias de casas na localidade de Anamizu, deixando polo menos tres falecidos e outra decena de persoas atrapadas, segundo as autoridades locais.

Transcorridas xa máis das 72 horas consideradas clave para topar sobreviventes, os servizos de rescate continúan a procura entre os entullos de edificios derrubados e nas zonas sepultadas por corrementos de terra ou asolagadas polo tsunami desencadeado polo sismo, que alcanzou os 4 metros nalgúns puntos costeiros.

O primeiro ministro xaponés, Fumio Kishida, instou a todos os ministerios, organismos e autoridades locais implicadas nas tarefas de rescate a "facer todos os esforzos para tratar de salvar tantas vidas como sexa posible", durante unha reunión de coordinación das operacións de emerxencia, segundo recollen os medios locais.

Máis de 31.000 persoas evacuadas

Debido aos danos nas infraestruturas, as autoridades tamén están a ter grandes dificultades para transportar subministracións como alimentos ou auga potable ás aproximadamente 31.000 persoas que continúan evacuadas nuns 357 centros de acollida.

O Goberno de Ishikawa anunciou que comezará a construír o vindeiro venres aloxamentos temporais para os desprazados polo desastre natural, que se sitúa entre os máis graves que golpearon o país nas últimas décadas.

Este sismo xa é o máis mortífero no Xapón desde o de 2011, un tremor de 9 graos que provocou un tsunami que deixou máis de 20.000 mortos e provocou o desastre nuclear de Fukushima, o peor desde o de Chernóbil (Ucraína) en 1986.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade