Transportistas da Coruña denuncian a contratación de camións portugueses para sortear o paro
Transportistas da Coruña denuncian a contratación de camións portugueses para sortear o paro
Unha parte dos membros de ASCENTRA acordou volver ao traballo por medo a perder contratos
A asociación de transportistas ASCENTRA da Coruña denuncia que os seus clientes están contratando empresas de fóra para substituír os camioneiros en paro.
Ante a situación, aínda que a asemblea da asociación acordou seguir adiante co paro, unha parte dos membros acordou volver ó traballo por medo a perder contratos. Con todo, consideran insuficientes as medidas do Goberno porque din que nos últimos días o gasóleo subiu case os 20 céntimos de axuda que lles prometeu a ministra.
O presidente de ASCENTRA, Antonio Señarís, insiste en que a única saída posible é que o Goberno aprobe, por vía urxente, unha norma que lles garanta uns prezos mínimos para ser rendibles, pero sen esperar a facelo a través dunha lei porque sería demasiado tempo de espera.
"Catro meses é innecesario esperalos porque, nese caso, sería mellor estar parados, xa que así hai garantía do que se vai facturar para sermos rendibles. O que sería o apropiado sería un decreto-lei que fose de inmediato cumprimento ata que se sacase unha lei definitiva para poder saír á rúa con rendibilidade".
"Hai camioneiros ameazados porque o paro estalles eliminando contratos de traballo porque, por desgraza, no noso sector vén xente de fóra, incluso de Portugal, facer eses traballos que piden os nosos clientes porque non teñen consideración nin apoio cara a nós, cara ó noso colectivo e estase facendo traballos en Galicia por parte de empresas que nunca estiveron por aquí traballando".
É por iso que Señarís denuncia que "polo que oín por aí, os piquetes pasarán de informativos a radicais".