Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estaleiros Armón, máis preto de facerse coa adxudicación de Barreras

Estaleiros Armón, máis preto de facerse coa adxudicación de Barreras

Os administradores concursais elixen a oferta da empresa asturiana, que ten un estaleiro propio en Vigo a carón de Barreras

O comité de empresa prefería que se adxudicase a Gondán, que prevía manter a todo o persoal, mentres que Armón só garante a continuidade de 20 traballadores

G24.gal 03/05/2022 13:46 Última actualización 03/05/2022 16:52

A oferta presentada por Estaleiros Armón para facerse co control de Barreras é a que máis gusta ao administrador concursal. 

No seu informe enviado ao xulgado Mercantil número 3 de Vigo recomenda adxudicarlle o estaleiro vigués por enriba das ofertas presentadas pola asturiana Gondán e o grupo Marina Meridional.

Considera que a oferta de Armón non só é mellor economicamente, senón que está avalada por un grupo empresarial con máis recursos, experiencia na construción de barcos grandes, previsión de investimentos en prazos concretos e leva "creando riqueza" na cidade desde 1999.  

"Entendemos que a oferta de Estaleiros Armón supera amplamente a de Estaleiros Gondán, non só porque a súa contía representa per se maior interese para o concurso (tanto no tema social como no negocial), senón polos demais aspectos relativos ás persoas dos ofertantes e ás súas respectivas ofertas", di o administrador no seu informe.

O informe do administrador descarta de forma tallante a oferta de Marina Meridional (actuais donos da antiga Vulcano, agora estaleiros San Enrique) por non demostrar viabilidade nin unha "mínima garantía de continuidade empresarial".

Na comparación entre as dúas ofertas restantes, a de Armón e a de Gondán, a administración concursal expón que a primeira presenta unha oferta económica superior, que permitiría pagar os créditos; que o grupo empresarial ten máis recursos económicos; que ten experiencia na construción de grandes buques e contratos en carteira; que ten "arraigamento" en Vigo; que achega prazos concretos de investimento, ou que dá unha solución ao despezamento dos cascos do contrato errado con Havila, entre outras cuestións.

A oferta de Armón era a que menos gustaba ao comité de empresa do estaleiro vigués, xa que só garante o mantemento de 20 postos de traballo dos máis de 120 que ten Barreras. Os representantes dos traballadores pedían que se lle adxudicase a Gondán, que prevía na súa oferta manter o cadro de persoal.

Aínda que a titular do xulgado Mercantil ten a última palabra, dáse practicamente por seguro que atenderá ás recomendacións do administrador concursal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade