Ata 2023 en Galicia leváronse a cabo o 36 % das solicitudes de eutanasia que se solicitaron
Ata 2023 en Galicia leváronse a cabo o 36 % das solicitudes de eutanasia que se solicitaron
Cada petición de eutanasia pasa por tres filtros: un médico responsable, un facultativo que exerce como consultor e unha comisión de verificación
En Galicia o tempo medio transcorrido desde a primeira solicitude de eutanasia ata que se leva a cabo é de 57,1 días
O Sergas publicou esta semana a memoria de actividade e avaliación da aplicación en Galicia da eutanasia, un dereito que recolle a lei orgánica de regulación da eutanasia que entrou e vigor en España hai tres anos.
A Asociación Dereito a Morrer Dignamente insiste na necesidade da formación dos profesionais da medicina e da importancia do testamento vital para facilitar a súa aplicación.
Isabel Blanco preside a Asociación Dereito a Morrer Dignamente en Galicia. A súa implicación no cumprimento do dereito a unha morte digna cando a situación do paciente é irreversible non devén de ningunha vinculación persoal, de ningún familiar implicado no proceso da eutanasia. Isabel é xinecóloga xubilada.
"A miña profesión levoume a estar presente no momento dos nacementos da xente. Despois, reflexionando e escoitando a Luis Montes, fíxome pensar que tamén son coidados sanitarios os que se deben de aplicar ao final da vida, e que sexa unha morte como esa persoa quere, respectuosa, digna e sen sufrimento. Para min é toda unha continuidade e polo dereito da poder decidir", conta a TVG Isabel Blanco, a Presidenta da ADMD en Galicia.
O informe do Sergas ata decembro de 2023 recolle que en Galicia se levaron a cabo o 36 % das solicitudes de eutanasia, setenta e cinco peticións das que se materializaron vinte e sete. Once foron denegadas e vinte e un pacientes faleceron antes de que concluíse o seu proceso en marcha.
Isabel Blanco Presidenta da ADMD en Galicia "A lei maraca que arredor de 35 días, nun prazo de 35 días, se completa toda a tramitación. Nós acompañamos á xente que tivo uns catro meses de demora. Agora a media de tempo de espera está en 57 días, o que é prolongar unha situación de sufrimento. Nós queremos que se respecten os prazos que marca a lei orgánica", matiza Isabel Blanco, a Presidenta da ADMD en Galicia.
A asociación, insiste, sobre todo cando o doente xa non pode expresarse, na importancia de deixar un testamento vital, un documento persoal legal no que se explicita o xeito do que un non quere vivir.