Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ata 64 animais liberados do maltrato e do abandono viven felices no refuxio da Laracha

Ata 64 animais liberados do maltrato e do abandono viven felices no refuxio da Laracha

O santuario dálles un lugar onde vivir con todos os coidados necesarios

A asociación Acougo precisa de "socios e padriños" para poder seguir coidando deles

Refuxio de animais Acougo
G24.gal 31/07/2024 16:41 Última actualización 31/07/2024 17:20

Un año que pensa que é unha cabra e porcos aseados e moi listos. Estas e outras sorpresas atópanse no refuxio de animais da Laracha, xestionado pola asociación Acougo, onde conviven felices 64 animais rescatados do maltrato e do abandono.

"Veña, vamos, vamos... que xa é de día". É o saúdo matinal de Mara aos animais que con todo o esmero acolle no seu refuxio da Laracha. Chama a atención a limpeza dos distintos compartimentos deste orfanato diverso e o bo ambiente de convivencia entre diferentes.

"Está habendo moitos casos de animais maltratados e abandonados. Hai que pensar tamén que o avellentamento da poboación galega. Moitos que tiñan animais chega un momento que non poden seguir coidándoos. Están aquí para que teñan unha vida digna e a xente vexa como son os animais criados en liberdade", conta Mara Collazo.

Aquí permanecerán mentres a natureza lles dea vida, con todos os coidados que precisa un ser vivo.

Ao ser unha asociación sen ánimo de lucro, o voluntariado ten protagonismo importante e non só como man de obra. Por este motivo Mara explica que precisan de "socios e padriños" para poder seguir coidando dos animais como ata agora.

"Somos consideradas simplemente como explotación (gandeira), pero non temos dereito como tal a ningunha axuda. Co cal, carecemos absolutamente de ningún apoio".

Entre os animais do santuario atópase Noé, un año que veu de pequeno. "Alimentámolo a biberón e criouse coas cabras. El pensa que é unha cabra e, aínda que o resto de ovellas andan elas xuntas, Noé sempre está coas cabras. É moi cariñoso, moi cariñoso".

Tamén está Loreta, unha porquiña que, pese á mala fama da súa especie, demostra que son os animais máis limpos.

"Nunca fan as súas necesidades onde dormen, e fóra fano lonxe da casa, sempre agardan a que lles abramos". E ademais son moi intelixentes: "Abren as portas, saben cando facemos as rutinas, que porta abrimos para ir correndo para alá", conta Mara.

En total son 64 animais, a maioría ovellas, que dispoñen de 6 hectáreas de terreo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade