Atopan no móbil de Daniel Sancho ameazas de morte de Edwin Arrieta se rompía a relación
Atopan no móbil de Daniel Sancho ameazas de morte de Edwin Arrieta se rompía a relación
A familia do detido difundiu un comunicado lamentando a morte do médico colombiano e pedindo respecto
A familia da vítima segue pedindo xustiza desde Colombia e que Daniel non sexa extraditado
Continúa o goteo de información do caso de Daniel Sancho en Tailandia. Xa se falara dunha posible ameaza por parte de Edwin Arrieta ao español con facer públicas unhas imaxes de carácter íntimo, pero agora transcendeu que nas conversas rastrexadas no móbil de Daniel existen ameazas de morte da vítima cara ao presunto asasino se rompía a relación. Unha proba que reforza a versión do español e a estratexia da súa defensa.
A familia de Daniel difundiu un novo comunicado lamentando a morte do médico colombiano e pedindo respecto ante a terrible situación.
Desde o cárcere de Koh Samui aseguran que o estado anímico de Daniel segue sendo bastante bo, aínda que estaría tomando tratamento contra a ansiedade vixiado por sanitarios. Comparte cela con cinco persoas máis nesta etapa de illamento polo protocolo anticovid que ten o país e na que só se pode comunicar co seu avogado.
A familia da vítima segue pedindo xustiza desde Colombia e que Daniel non sexa extraditado.
Daniel Sancho está acusado de asasinato con premeditación, e a agravante de despezar o cadáver e agochar os restos pode determinar a pena de morte. Mentres, a súa defensa trata de evitar que o leven á coñecida como cárcere dos horrores en Bangkok.
As autoridades seguen buscando máis evidencias no caso, como o pasaporte e teléfono da vítima, e tamén as partes do corpo despezado que aínda non apareceron.