Publicador de contidos
Publicador de contidos

Atopan o cadáver dun home no porto de Celeiro, en Viveiro

Atopan o cadáver dun home no porto de Celeiro, en Viveiro

Corresponde a un varón de 73 anos, cuxa desaparición fora denunciada polos seus familiares

G24.gal 19/05/2023 14:55

Efectivos dos servizos de emerxencias rescataron á primeira hora da tarde deste venres o corpo sen vida dun home, que foi achado por un particular na auga, no porto de Celeiro (Viveiro), entre unha embarcación e o peirao.

Segundo a información facilitada polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE), o achado produciuse cando pasaban uns dez minutos das 12:30 horas.

Fontes policiais confirmaron a que o corpo achado no mar é o dun home de 73 anos de idade, veciño de Viveiro, cuxa desaparición fora denunciada nas últimas horas polos seus familiares.

A persoa que chamou ao 112 informou de que había “un home afogado no mar, no lugar de Celeiro”, ademais de avisar de que o corpo se atopaba “entre unha embarcación atracada e o porto”.

De inmediato, desde o 112 Galicia pasouse aviso a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil, á Policía Nacional e Local e aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil de Viveiro.

Para rescatar o corpo foi precisa a intervención dos Bombeiros de Viveiro. Tras recuperar o cadáver, foi trasladado nunha embarcación ata o peirao deportivo. O persoal de Portos de Galicia tamén foi informado do achado a través do 112 Galicia. A Policía Nacional fíxose cargo da investigación para esclarecer as causas do suceso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade