Xulgan en Lugo unha banda que captaba 'mulas' para traer droga dende Latinoamérica
Xulgan en Lugo unha banda que captaba 'mulas' para traer droga dende Latinoamérica
Os cinco acusados enfrontábanse a 30 anos de cárcere, pero só se lles impuxo un terzo da condena inicial tras chegar a un acordo coa fiscalía por atrasos no proceso
As penas non superan os dous anos e medio de prisión por acusado
A Audiencia Provincial de Lugo xulgou unha banda de traficantes que captaba 'mulas' na cidade para traer droga dende países latinoamericanos e que distribuían sobre todo na zona de Madrid.
Algúns dos detidos levaban ata 16 quilos de cocaína nas súas maletas e, os que hoxe sentaban no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo, eran os dous líderes do grupo criminal e os que se encargaban de vender a droga a pequena escala.
A Fiscalía pedía para eles un total de 30 anos de cárcere, pero un atraso no proceso permitiulles ás defensas dos acusados chegar a un acordo e reducir de xeito considerable as penas.
"Entre que recoñeceron os feitos e se lles aplicou a agravante cualificado de dilacións indebidas chegamos a un acordo de conformidade que é moi beneficioso e pediremos a suspensión de execución das penas", explica Javier Caraduje, avogado de dous dos acusados.
Pediran a suspensión da pena porque os acusados pasaron máis dun ano en prisión preventiva e, co acordo, as penas non superan os dous anos e medio de prisión por acusado.
"Aínda no peor dos casos a maior parte da pena xa estaría cumprida", di María Fernanda López, outra das letradas do proceso.