Publicador de contidos
Publicador de contidos

Confiscan máis de 3.300 quilos de cocaína nun pesqueiro a 1.000 millas ao oeste das Canarias

Confiscan máis de 3.300 quilos de cocaína nun pesqueiro a 1.000 millas ao oeste das Canarias

Nunha operación conxunta da Policía Nacional coa Axencia Tributaria, a DEA estadonidense, a policía portuguesa e a do Brasil detiveron aos 10 tripulantes da embarcación

O barco, con bandeira venezolana, non soportou o remolque a porto e afundiu ante as súas precarias condicións

Alixo de máis de 3.300 quilos de cocaína no peirao das Palmas de Gran Canaria
G24.gal 07/12/2024 12:19

Axentes da Policía Nacional e do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria interviñeron máis de 3.300 quilos de cocaína nun pesqueiro abordado a mil millas ao oeste das Canarias.

Tras a abordaxe polo Buque de Operacións Especiais ‘Petrel’ de Vixilancia Aduaneira, detiveron os dez tripulantes da embarcación, de bandeira venezolana, que non soportou o remolque a porto polas precarias condicións nas que estaba.

Nunha operación conxunta coa axencia americana DEA, a Policía Judiciária de Portugal e a Policía Federal do Brasil,  dirixida pola Fiscalía Especial Antidroga, interviñéronse 110 fardos de cocaína duns 30 quilos cada un.

A investigación iniciouse a mediados do pasado mes de novembro, grazas á cooperación policial internacional, cando os axentes recibiron unha información procedente da axencia americana DEA. Esta alertaba de que unha organización criminal internacional pretendía transportar unha gran cantidade de cocaína polo océano Atlántico.

O barco partiría supostamente xa desde algún punto da costa suramericana cara ás costas españolas. A partir dese momento, axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria coordinaron coa Policía Nacional as súas actuacións para interceptar a embarcación canto antes.

Poucos días despois, a DEA informou de que a embarcación navegaba coa intención de realizar o transvasamento do estupefaciente que transportaba a outro pesqueiro, probablemente de bandeira española, que se atoparía pescando na zona á que se dirixía.

Os labores de intelixencia permitiron concluír que, unha vez que a droga estivese no barco receptor, poñería rumbo ás costas españolas. A finais de novembro, os axentes de Policía Nacional e do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, baixo a dirección da Fiscalía Especial Antidroga da Audiencia Nacional, coordinaron o operativo para localizar a embarcación investigada. Recibida a alerta, facilitado o rumbo do pesqueiro e coñecido o modus operandi da tripulación, decidiuse a abordaxe para evitar que a droga fose desviada de forma diversificada ata España e asegurar a aprehensión da cocaína.

Finalmente, o 29 de novembro, o Buque de Operacións Especiais Petrel de Vixilancia Aduaneira detectou unha embarcación, navegando sen luces e con rumbo a España, que polas súas características apuntaba a que se trataba do pesqueiro buscado. Unha vez interceptado, os axentes comprobaron que a tripulación lanzaba pola popa varios vultos similares aos utilizados habitualmente para o transporte de droga. Unha vez a bordo, localizáronse un total de 110 fardos de estupefaciente, duns 30 quilos cada un, cun peso total que superaba os 3.300 quilos.

Os axentes arrestaron aos seus 10 tripulantes, todos eles de nacionalidade venezolana, agás dun cidadán colombiano.

Dadas as precarias condicións nas que se atopaba a embarcación, que tiña polo menos dúas vías de auga abertas, o que imposibilitaba o seu remolque a porto, e o perigo que entrañaba para as persoas que se atopaban a bordo, decidiuse afundilo. Os arrestados e a droga intervida foron trasladados ao porto das Palmas de Gran Canaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade