Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aguado dáse de baixa en Ciudadanos pola "falta de liderado" e "estratexia"

Aguado dáse de baixa en Ciudadanos pola "falta de liderado" e "estratexia"

O exvicepresidente da Comunidade de Madrid vaise da formación laranxa sinalando que "a dirección do partido decidiu emprender unha fuxida cara adiante, que non comparto, disfrazada dunha refundación na que non creo"

G24.gal 22/08/2022 10:45

O exvicepresidente da Comunidade de Madrid Ignacio Aguado deuse de baixa en Ciudadanos tras nove anos de militancia, segundo anunciou este luns nunha carta, na que esgrimiu razóns como a "falta de liderado" e de "estratexia" da dirección, liderada por Inés Arrimadas.

Nesa mensaxe publicada en Twitter, Aguado lembra que hai dous meses que solicitou a dimisión de toda a Executiva nacional de Ciudadanos e a convocatoria dun Consello Extraordinario por mor dos "nefastos" resultados electorais en Andalucía, Madrid, Cataluña e Castela e León.

"Con todo, ningunha das dúas cousas se produciu", asegura. "Mais, ao contrario, a dirección do partido decidiu emprender unha fuxida cara adiante, que non comparto, disfrazada dunha refundación na que non creo", lamenta o exlíder de Ciudadanos na Comunidade de Madrid, referíndose á proposta de Arrimadas para a refundación do partido.

Aguado, que desde hai un ano e medio non ostenta cargos no partido, afirma que o problema non son nin as ideas nin os principios fundacionais, senón a "ausencia total de estratexia, o desgaste da marca e a falta dun liderado capaz de volver ilusionar os votantes".

Reitera que para poñer remedio a isto non fai falta unha refundación senón un congreso, pero no caso de que fose necesaria esa refundación tería que ser impulsada, segundo Aguado, por unha nova executiva "e non pola mesma que leva tres anos encadeando un fracaso electoral tras outro".

"Doume de baixa como afiliado cunha enorme pena, pero tamén coa cabeza alta e o agradecemento infinito a todos os compañeiros e votantes que confiaron en min para levar a Ciudadanos, primeiro ao Parlamento rexional e, despois, ao Goberno da Comunidade de Madrid", sinala.

O exvicepresidente madrileño remata afirmando que o seu paso por Ciudadanos acaba pero non o seu "amor por España" e o seu "empeño" por legar ao seu fillo "un país de cidadáns libres e iguais". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade