As protestas dos agricultores non cesan, á espera do consello europeo do luns
As protestas dos agricultores non cesan, á espera do consello europeo do luns
Houbo mobilizacións nos portos de Valencia e Alxeciras e nas cidades de Logroño e Zaragoza
As protestas do agro non dan tregua: "Entran produtos de países terceiros con moitos menos trámites e menos esixencias e nos estamos traballando a perdas", denuncian.
Produtos de terceiros países que entran na Unión Europea a través de portos coma o de Valencia ou Alxeciras. Neses puntos hai concentracións de agricultores convocadas polas asociacións maioritarias do sector: "Estannos dando respostas vagas. Intencións pero nada asinado e escrito".
Protestas tamén na Rioxa e Zaragoza, onde se produciron momentos de tensión coas forzas de seguridade. "O campo está ferido de morte e non o imos consentir", aseguran.
A vista do agro está posta na cita dos ministros de Agricultura en Bruxelas que se celebrará o próximo luns. Reclaman menos trabas burocráticas na Política Agraria Común, que se cumpra a lei de cadea alimentaria e que se acabe coa competencia desleal de países de fóra da Unión Europea.
"Esperemos que o ministro de Agricultura sexa agora máis valente. Ir a Bruxelas e esixir reciprocidade. Que non se asinen máis acordos en contra dos agricultores", reclaman.
Di Luis Planas que esta será unha das principais demandas de España. Pero recoñece que non conta co apoio maioritario do Consello. "Defendémolos. Non unha maioría, non acadamos a maioría cualificada no Consello de Ministros, pero si un grupo de países apoiados polo Parlamento Europeo".
Agricultores e gandeiros agardarán o resultado da cita europea cunha nova mobilización en Madrid.