Xa son preto de 28.000 as persoas falecidas en Turquía e Siria polos tremores
Xa son preto de 28.000 as persoas falecidas en Turquía e Siria polos tremores
En Turquía confirmáronse máis de 24.600 vítimas mortais e na veciña Siria, 3.553
As persoas falecidas en Turquía e en Siria polos terremotos do luns pasado non deixan de aumentar, xa son preto de 28.000. As Nacións Unidas, que falan da peor catástrofe dos últimos cen anos na rexión, temen que a cifra final supere as 50.000.
En Turquía confirmáronse máis de 24.600 vítimas mortais e 80.000 feridas. Na veciña Siria hai confirmados 3.553 falecementos e 5.276 persoas feridas.
Nas dez provincias turcas afectadas -dun tamaño maior a un país como Portugal- vivían ao redor de 13 millóns de persoas e, segundo datos oficiais, un millón perdeu a súa vivenda, xa sexa porque se viñeron abaixo ou porque quedaron inhabitables.
Na rexión continúan traballando grupos de rescate, persoal sanitario e do Exército -máis de 150.000 efectivos en total- pero as posibilidades de atopar sobreviventes afástanse cando se cumpre case unha semana dos tremores.
Últimos rescates
Con todo, séguense atopando persoas vivas baixo os entullos. O último rescate exitoso foi en Hatay á primeira hora do domingo, cando unha profesora de 32 anos foi liberada dos cascallos dun edificio de oito andares no que pasou 142 horas atrapada.
Outro rescate que deu alento aos equipos de salvamento foi o dun bebé de sete meses que estivo 140 horas sepultado baixo os restos dun edificio de seis andares en Antioquía, a capital de Hatay.
Ata o sábado pola noite, 111.500 persoas saíran da rexión do terremoto a través dos centros de evacuación do Goberno e outras 100.000 mediante voos de compañías aéreas. Un número indeterminado tamén abandonou a área afectada polos seus propios medios.
En moitas localidades seguen os problemas cos servizos básicos, con interrupcións no abastecemento de auga e de electricidade e con limitada asistencia médica. Tamén hai escaseza de determinados produtos de hixiene e medicamentos.
Reconstrución
O presidente, Recep Tayyip Erdogan, declarou o sábado que todas as universidades pasarán a impartir ensino a distancia e que as residencias de estudantes entregaranse ás vítimas do terremoto, á vez que prometeu reconstruír todas as vivendas destruídas no prazo dun ano.
As forzas de seguridade turcas arrestaron polo menos a 48 persoas acusadas de saquear edificios danados ou de tentar estafar as vítimas na rexión, informou a axencia de noticias Anadolu.
Dous dos detidos supostamente fixéronse pasar por traballadores humanitarios e trataron de roubar en seis camións cheos de alimentos para as vítimas do terremoto na provincia de Hatay ao sur do país.