Aumentan as denuncias por spam telefónico, malia estar prohibido

Catro meses despois de que entrara en vigor a lei que prohibe o spam telefónico, a Axencia Española de Protección de Datos recibe máis denuncias ca nunca ao respecto

Nove de cada dez usuarios recibiron algunha chamada comercial no último mes

G24.gal 06/11/2023 14:19

O 90 por cento dos consumidores segue recibindo chamadas comerciais non solicitadas, malia a que quedase expresamente prohibido na nova lei xeral de telecomunicacións, en vigor desde o 30 de xuño.

"A min cada dous por tres, ademais sempre á hora máis inadecuada". "Xa o móbil che di cando é spam, pero vaia, que te seguen chamando de seguros, financeiras e demais", sinalan dous usuarios.

Segundo unha enquisa da OCU, as compañías incumpren directamente a lei, ou aproveitan o consentimento ás veces desinformado dos usuarios.

Enrique García, voceiro da OCU: "Advertimos a todos os usuarios, cando asinan unhas condicións xerais, que miren ben se hai algunha cesión ou autorización".

As compañías de telecomunicacións e as enerxéticas son as que máis citan os afectados. As denuncias ante a Axencia Española de Protección de Datos aumentan cada mes, pero só alcanzan un 8 % dos casos. Á hora de denunciar, cómpre documentar a chamada.

Román Arias Fraiz, delegado da Axencia Española de Protección de Datos: "Facer a reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos e acreditar que se recibiu esa chamada e de que número".

Recomendan tamén inscribirse nun sistema de exclusión publicitaria, como a lista Robinson.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade