Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aumentan as voces dentro do PSdeG que piden a dimisión de Gonzalo Caballero

Aumentan as voces dentro do PSdeG que piden a dimisión de Gonzalo Caballero

Os afíns ao secretario xeral saínte falan abertamente de "purga" no partido

Maite Teijido 09/11/2021 20:10

No PSdeG aumentan as voces que piden a dimisión de Gonzalo Caballero como secretario xeral da formación tras perder as primarias.

A división nas filas socialistas é cada vez máis evidente tras a destitución do comité que ía organizar o próximo congreso e o nomeamento dun novo equipo con afíns a Valentín González Formoso. Os fieis a Caballero falan abertamente de purga dentro do partido.

Martín Seco, secretario de Acción Electoral da Executiva saínte, di: "Deberían contar con todos, e non facer unha purga e excluír a moitos compañeiros. Existe un malestar evidente".

O malestar tamén se evidencia no novo comité, que empezou a traballar xa este martes. Cada vez máis voces fan presión a Caballero para que se retire e deixe traballar plenamente o novo equipo.

"A mensaxe chegoulle por duplicado: deulla a cidadanía galega hai un ano e hai uns días, os militantes", di Blas García, o alcalde de Ames.

Máis conciliador, o alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp pídelle a todo o PSdeG que reme na mesma dirección.

"Houbo unhas primarias en que se decidiu cambiar a dirección do partido, pero agora hai que traballar todos xuntos por este proxecto", asegura.

Independentemente do que suceda no seo do partido, Gonzalo Caballero seguirá sendo o voceiro do PSdeG no Parlamento durante os tres plenos que quedan antes do congreso socialista. Este martes, de feito, será el o que interpele o presidente da Xunta na sesión de control ao Goberno galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade