Publicador de contidos
Publicador de contidos

Autobuses lanzadeira na Ribeira Sacra para achegarse aos lugares con máis afluencia de visitantes

Autobuses lanzadeira na Ribeira Sacra para achegarse aos lugares con máis afluencia de visitantes

G24.gal 16/07/2023 15:16 Última actualización 16/07/2023 16:03

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra acaba de pór en marcha un servizo de transporte gratuíto en microbús. Moverase por algúns dos lugares con máis afluencia turística na zona.  Tratan deste xeito de evitar os problemas  habituais de estacionamento en embarcadoiros, mosteiros ou áreas de ocio con grande afluencia de visitantes. O servizo é gratuíto e vai funcionar ata o 30 de agosto. No caso das paradas establecidas nos embarcadoiros, recomendan reservar a praza para garantir a dispoñibilidade. 

O primeiro destes servizos creouse no 2021 para visitar o mosteiro de Santa Cristina. Dende hai un ano ofrecen o mesmo servizo na praia fluvial da Cova, no Saviñao. E agora os autobuses lanzadeira fan percorridos de ida e volta en diferentes horarios dende Escairón, Monforte e Castro Caldelas, aos embarcadoiros de Abeleda, Ponte do Sil e Belesar. Tamén ao mosteiro de Santo Estevo. 

"A única solución que temos polo ben do territorio, polo ben do xeodestino, da conservación dun territorio que acaba de ser declarado Reserva da Biosfera, polo ben tamén da experiencia de visitantes como da poboación local, é a de facer uso de transportes públicos que permitan empregar aparcamentos disuasorios e facer a chegada aos puntos, aos recursos máis demandados con este tipo de servizos", explica Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

Todos contan con posibilidade de reserva previa e teñen horarios moi amplos que cobren practicamente toda a xornada, algúns mesmo en servizo continuo coma o de Santo Estevo. E aqueles que van aos embarcadoiros conectan os seus horarios cos de chegada e saída das rutas fluviais. Son probas piloto, así que o servizo, ademais, é de balde.

"Paréceme xenial, porque os coches quedan aparcados e con este autobús sobes, baixas e podes desfrutar tranquilamente."

 

"Parécenos absolutamente xenial, moi ben, e ademais que sexa de balde tamén é especialmente interesante. Non sabiamos que estaba, chegamos co coche e pensabamos que podiamos baixar ata aquí, pero unha sorpresa moi agradable."

 

"Acabamos de descubrilo, pero como estamos facendo turismo por esta zona parécenos fantástico así evitamos a afluencia masiva de vehículos."

 

Os autobuses seguirán funcionando ata o 30 de agosto. Noutras zonas da Ribeira Sacra teñen previsto habilitar aparcamentos disuasorios a carón de sendas que acheguen os visitantes aos lugares de interese.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade