Autorizados cinco parques eólicos que darán enerxía á planta de Alcoa en San Cibrao
Autorizados cinco parques eólicos que darán enerxía á planta de Alcoa en San Cibrao
A multinacional atrasa a reactivación total da fábrica ata 2025
O Goberno autoriza cinco dos seis parques eólicos previstos para subministrar de enerxía a longo prazo a planta de Alcoa de San Cibrao. A multinacional presentoulles aos traballadores un novo plan, en que atrasa a reactivación total da fábrica ata 2025.
Os cinco parques eólicos autorizados este mércores polo Goberno suman uns 500 megawatts de potencia para abastecer a planta de San Cibrao. Cobren parte das súas necesidades enerxéticas, pero serán necesarios máis.
"Agora xa temos asegurado o 30 por cento da potencia que precisamos. Faltaría case outro tanto para chegar á potencia total que necesitamos. Pero polo menos temos algo asegurado", di José Antonio Zan, presidente do comité de empresa.
A Xunta ten autorizadas 77 declaracións de impacto ambiental con máis de 2.000 megawatts previstos para a industria galega. O problema é que todos eses parques eólicos tardarán tempo en estar funcionando. Alcoa avisa que a reactivación total da planta de San Cibrao, prevista para 2024, pode atrasarse un ano.
"Era o compromiso que tiña Alcoa para desenvolver os investimentos, e era o compromiso que tiña tamén o Goberno para establecer un marco eléctrico competitivo. Instamos os dous a que cumpran o comprometido", dixo Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta.
Para o comité, o principal problema da nova proposta de Alcoa é o emprego. A empresa garánteo ata 2027 para os traballadores do aluminio, pero non para os da refinería nin das empresas auxiliares.
"O que non queremos é que pare a planta, nin unha nin outra. Se a planta é viable aí está a protección do emprego", engadiu José Antonio Zan, presidente do comité de empresa.
Os traballadores teñen dúas semanas para decidir se aceptan o novo plan de Alcoa. O comité de empresa analizouno este mércores coa Xunta. O venres haberá unha xuntanza da mesa de negociación, coa participación tamén da empresa e do Goberno.