Avanzan as obras do centro integral de loita contra o lume de Toén
Avanzan as obras do centro integral de loita contra o lume de Toén
Medio Rural convocou a veciñanza para coñecer as actuacións
Será un campus para bombeiros forestais de toda Europa
Galicia acollerá o centro de formación de bombeiros forestais máis importante de toda España. Este verán está previsto que o primeiro circuíto de adestramento estea xa en funcionamento. A Consellería do Medio Rural conta con ter rematadas a totalidade das obras en catro anos.
No futuro centro integral de loita contra o lume de Toén vai converxer toda a formación e investigación de incendios. Será un campus forestal ao que virán aprender dende toda Europa.
Despois dun ano de traballos de roza, cortas e retirada de cascallos, rematou a primeira fase das obras. Á pista para as prácticas de condución de vehículos catro por catro e motobombas só lle queda o acondicionamento final.
Xornada de portas abertas
Este sábado os comuneiros e o resto da veciñanza de Toén coñeceron todas as actuacións que se van facer nas antigas instalacións do hospital psiquiátrico abandonado por completo hai dez anos.
O investimento para este ano rolda os 4 millóns de euros, pero o proxecto na súa totalidade ascenderá, prevén, aos 40 millóns. O centro contará ademais cunha aula medioambiental, para formar estudantes e concienciar a sociedade da importancia de defender os nosos montes.