Publicador de contidos
Publicador de contidos

Avogados e procuradores concéntranse na Coruña por unha quenda de oficio digna

Avogados e procuradores concéntranse na Coruña por unha quenda de oficio digna

Fai dous meses do inicio da folga nacional e indefinida

O sindicato Venia convocou unha manifestación para o 3 de febreiro en Madrid

G24.gal 21/01/2024 14:31 Última actualización 21/01/2024 15:02

Fai xusto dous meses os avogados e procuradores da quenda de oficio de toda España iniciaron unha folga indefinida para esixir, entre outras cuestións, retribucións dignas e cotizar á Seguridade Social polo seu traballo. Polo momento non hai avances e continúa o paro, con mobilizacións como a da Coruña ás portas do Palexco, escenario da convención nacional do PSOE.

A lei de asistencia xurídica gratuíta imponlles a obriga profesional de prestar servizo na quenda de oficio, pero esa esixencia legal non lles dá dereito a unha retribución. Cobran unha indemnización que non é negociable e que, segundo os seus cálculos, é dez veces inferior aos prezos do mercado.

"Queremos que nos paguen como a calquera cidadán, que coticen por nós á Seguridade Social, e un salario digno, xa que lles estamos prestando un servizo aos cidadáns que debería pagar a Administración, non nós", reclama a procuradora Nuria Ramón.

Prestan un servizo esencial polo que non están cotizando. Esixen que a situación da quenda de oficio se axuste á lexislación e que se garantan os seus dereitos como traballadores.

"Teriamos que ter dereito a vacacións, a que se aboen os desprazamentos, a que se cotice polo noso traballo... Con todo, o Estado está percibindo os nosos traballos profesionais e non está cotizando por eles. Iso está totalmente fóra de lugar", explica Antonio Vázquez, do equipo xurídico do sindicato Venia.

A asistencia xurídica gratuíta cobre arredor do 30 % dos asuntos que se xudicializan cada ano en España. Convocados polo sindicato Venia, os avogados e os procuradores da quenda de oficio manifestaranse o 3 de febreiro en Madrid.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade