Baixada de tipos de xuro e relaxación na subida dos prezos, por Maite Cancelo
OPINIÓN
Baixada de tipos de xuro e relaxación na subida dos prezos, por Maite Cancelo
Onte tivemos dúas boas noticias na economía, que afectan, de forma importante, ás familias: a baixada dos tipos de xuro aprobada polo Banco Central Europeo (BCE) e o dato de subida do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) do mes de agosto e, nomeadamente, a evolución da inflación subxacente.
Ambas as noticias están relacionadas, polo que iremos por partes.
O BCE recortou os tipos de interese en 0,25 puntos, baixada que se basea no alivio que a inflación está a dar aos países europeos. Lembremos que a actuación sobre os tipos de xuro é o principal instrumento de política monetaria para controlar a inflación.
Isto supón, por unha banda, un balón de osíxeno para a economía, xa que, ao reducirse, hai máis liquidez no sistema e isto inflúe de forma directa nas decisións de gasto nos fogares e no investimento empresarial, polo que uns tipos baixos favorecen o crecemento económico. Por outra banda, e de forma directa, as persoas e as familias notarán o descenso nas cotas que terán que pagar polas súas hipotecas ou a contratación de novos créditos ao consumo e, desta forma, terán unha maior dispoñibilidade financeira para poder asumir novos gastos, en función da propia evolución da inflación.
Este é o segundo recorte dos tipos de interese que o BCE aprobou neste ano, o motivo é que parece que a inflación, que xa leva tres anos azoutando as familias, está máis preto de estar baixo control. Desta forma, o tipo de referencia sitúase no 3,5 % e seguirase notando no pago das hipotecas (xa se notou o primeiro, notouse o aumento dos tipos anteriores e seguiremos notándoo nos nosos petos).
Con relación ao futuro, Christine Lagarde, a presidenta do BCE, segue sendo cauta e co “Que será, será” non anticipou as próximas decisións da autoridade monetaria europea, xa que se tomarán en función dos datos que se vaian coñecendo sobre a evolución da inflación.
É certo que non só a inflación é un dos elementos que tivo en conta a institución ao tomar estas decisións; as previsións de crecemento económico na Zona Euro son moi moderadas ao ser as condicións de financiamento moi restritivas. Lembremos que os tipos de interese elevados provocan debilidade tanto do consumo privado como do investimento empresarial.
Con relación aos prezos, agosto foi un bo mes, ao moderarse o crecemento dos prezos ao situarse a inflación no 2,3 %, mentres que a subxacente (excluídos os compoñentes máis volátiles, como son os produtos enerxéticos e os alimentos sen procesar) avanzou ata o 2,7 %.
O menor avance, porque os prezos (aínda que non todos) seguen subindo, débese á caída dos prezos das gasolinas e dos alimentos, que tivo como resultado o seu menor aumento nos últimos tres anos. A luz foi a que tirou á alza da inflación xa que se encareceu máis que no mes de agosto do ano anterior. En calquera caso, e como podemos comprobar cando facemos a cesta da compra, o aceite de oliva volve ser protagonista no dato do IPC cunha subida do 25 % no último ano e acumula un aumento do 170 % desde xaneiro de 2021, a pesar de que suma catro meses de descensos.
Estamos, por tanto, ante unha moderación da subida dos prezos pero en termos acumulados aínda non se pode falar de recuperación do poder adquisitivo dos cidadáns como apuntou o ministro de Economía na súa valoración dun bo dato de inflación que hai que matizar no seu xusto termo.