Baixan os tipo de xuro e as cotas da hipoteca, pero sobe o prezo da vivenda
Baixan os tipo de xuro e as cotas da hipoteca, pero sobe o prezo da vivenda
As hipotecas variables abarataranse na próxima revisión
Desde as asociacións de consumidores recomendan renegociar as hipotecas de tipo fixo
O euríbor mantense por debaixo do 3 % e os consumidores agardan unha importante baixada nas hipotecas variables para o próximo mes. Con todo, os compradores novos deberán valorar se esta mellora nas condicións de financiamento da vivenda é suficiente para asumir os prezos dos inmobles, que seguen subindo.
O Banco Central Europeo anunciou esta semana un novo recorte dos tipos de xuro na Eurozona en 15 puntos básicos. É a segunda baixada do prezo dos cartos nos últimos oito anos, e permite que o euríbor manteña a súa tendencia á baixa e que se abaraten as hipotecas de xuro variable.
"É unha noticia boa e a previsión é que baixe máis ata finais de ano e prevese que sigan baixando as hipotecas tamén o ano que vén. É un factor a ter en conta porque hai xente que preferirá agardar, pero hai que advertilos de que se van mercar unha casa a tendencia é que soben de prezo", asegura Luis Blasco, vicepresidente de ADICAE.
No caso das persoas que xa estean hipotecadas cun préstamo de 150.000 euros a 30 anos e xuro variable, a cota mensual pode baixar preto dos 100 euros. No caso das hipotecas fixas a recomendación é asesorarse para conseguir unha mellora porque tamén se pode negociar.
"Hai fixos que están moi altos. O que ten que saber a xente é que pode facer unha subrogación con outro banco ou co mesmo, o que sería unha novación onde se poida negociar unha baixada de prezos. Isto faise e vaise facer con bastante seguridade" Advirte Blasco
Desde ADICAE recomendan tamén asesorarse sobre os produtos vinculados a cada oferta para poder facer unha valoración responsable antes de asinar unha hipoteca.