Baltar pide desculpas por circular a 215 km/h e atribúeo a un "descoido"
Baltar pide desculpas por circular a 215 km/h e atribúeo a un "descoido"
"Lamento profundamente este erro illado", explicita o presdiente da Deputación de Ourense nunha carta, onde informa que cumpriu co pago da sanción administrativa
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, lamentou este xoves o "descoido" polo cal o pasado 23 de abril o coche oficial que manexaba chegou a circular a 215 quilómetros por hora na A-52, á altura de Zamora, cando se dirixía a Madrid para reunións de traballo.
Nunha carta asinada por el e facilitada á prensa, traslada publicamente as súas desculpas e afirma ser a primeira persoa en lamentar as consecuencias dunha "situación dolorosa" derivada "dun erro illado, pero que non é, desde logo, adecuado".
Como funcionario público, sinala nese escrito que conduce desde hai moitos anos e dun modo habitual coches oficiais en desprazamentos institucionais, como fixo o último domingo pola tarde. "Nun momento de descoido acontecido nunha longa recta da A-52, sen referencias de ningún tipo, situeime por encima dos límites de velocidade permitidos".
"Lamento profundamente este erro", explicita. Indica, ademais, que cumpriu co pago da sanción administrativa e que está en disposición de colaborar con calquera "dilixencia ulterior".
Rueda recoñece "conduta inadecuada" de Baltar e valora as súas desculpas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu a "conduta inadecuada" e o "erro" do titular da Deputación de Ourense, pero remitiu ao proceso aberto pola Garda Civil por posible delito contra a seguridade viaria para calquera asunción de responsabilidade.
Na conferencia de prensa deste xoves tras o Consello da Xunta, Rueda non se pronunciou sobre se o tamén presidente do PP na provincia de Ourense debe dimitir por estes feitos ou se o partido pensa adoptar algunha medida respecto diso.
Limitouse a dicir, respecto ás consecuencias posteriores, que agora hai unha actuación da Garda Civil que dá lugar á incoación dun proceso e "loxicamente a obrigación de calquera afectado é asumir as consecuencias que se poidan derivar", e que o presidente galego non quere "prexulgar".
"Os feitos coñecidos constitúen unha conduta inadecuada, sen ningunha dúbida, e desde logo un erro", considerou Rueda, que valorou como "importante" que Baltar fose "o primeiro en recoñecelo e pedir desculpas", en referencia á carta que remitiu hoxe aos medios de comunicación.