Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bancos de Alimentos piden axuda: menos doazóns polo encarecemento da cesta da compra

Bancos de Alimentos piden axuda: menos doazóns polo encarecemento da cesta da compra

En Vigo calculan que deixaron de recibir uns 500.000 quilos de alimentos

Almacén do Banco de Alimentos de Vigo Almacén do Banco de Alimentos de Vigo
G24.gal 05/10/2024 11:30

Bancos de Alimentos galegos demandan axudas ante unha situación que cualifican de "complicada" á espera de que se convoquen novas campañas de recollida.

"Temos andeis baleiros", resume o presidente da entidade en Vigo, Iván Martínez, en declaracións a Europa Press.

Na mesma liña, o presidente do Banco de Alimentos da Coruña, Manuel Moura, insta os voluntarios a "botar unha man á hora de informar á xente das necesidades". "Estamos nunha situación complicada que nos obrigou a investir diñeiro", sinala sobre as achegas económicas que reciben e que destinaron á compra de produtos.

E aínda que destaca a colaboración de institucións, incide en que os seus recursos son "limitados". No caso do Banco de Alimentos da Coruña atenden a 27.000 persoas a través de 120 entidades chegando a toda a provincia.

Sobre esta época, indica que é "a peor" xa que o resto do ano contan con alimentos "doados polas recollidas que facemos, como a da última fin de semana de novembro, e iso dúranos normalmente ata marzo e abril". En maio, volve haber unha nova recollida coa que completan os meses de "xuño, xullo e algo de agosto".

"A partir de aí, non hai recollidas, son só as doazóns por parte de entidades, empresas", cita como exemplos. Por iso, asegura que de setembro a novembro son os meses máis complicados o que lles levou a comprar alimentos con doazóns económicas para "ir tirando".

Menos achegas

En canto ás doazóns de particulares, sexan económicas ou en produtos, explica que "está a influír de forma importante" a cesta da compra polo custo da mesma. Con todo, resaltan as doazóns de cinco euros por parte dalgunhas persoas. "Teñen un mérito tremendo", sinala nos casos en que estas teñen recursos limitados.

Respecto ás necesidades, lembra que adoitan pedir produtos non perecedoiros, pero, en particular, subliña as vantaxes dos envasados e xa precociñados para colectivos que demandan axuda. "Facilítalles ter que evitar consumir enerxía eléctrica". Tamén pide produtos para bebés, ao atender a case 800 na provincia a través de entidades.

"Entraron recentemente nais con malos tratos familiares", refire sobre o perfil de persoas que atenden, "ao redor de 260 máis". Este dato vincúlao co feito de que agora Europa facilite achegas co "cheque moedeiro" que esixe que as persoas teñan que ter "un menor ao cargo".

Na mesma liña, Iván Martínez, presidente do Banco de Alimentos de Vigo -que entregou no primeiro semestre deste ano un total de 705.027 quilos de comida- explica que está a ser un ano complicado "porque desapareceu o Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas".

"No caso concreto do noso banco, deixamos de recibir uns 500.000 quilos de alimentos que estamos a tratar de suplir cun grande esforzo de xestión". "Agora mesmo, temos os andeis do banco especialmente baleiras, aínda que, confiamos en que coa campaña Gran Recollida, prevista a finais de novembro, poidamos enchelas", di.

En relación ás necesidades, indica que están a ser as mesmas.

"Si notamos que se reclaman máis produtos de grandes achegas nutricionais como as conservas de carne e peixe ou, tamén, comida xa elaborada como os tarros de cristal de legumes e vexetais", afirma.

Por outra banda, alude ao aproveitamento de produtos que non se comercializan pero que están en bo estado.

"Durante 2023, este traballo diario permitiu que evitásemos que uns 300.000 quilos de comida acabasen no lixo". "Adoitan ser produtos frescos (carne, peixe ou verduras) co que tamén estamos a mellorar a alimentación das persoas máis desfavorecidas", explica.

En canto ás doazóns, constata "unha baixada xeneralizada".

"É lóxico que, coas subidas constantes dos alimentos de primeira necesidade as persoas doen menos, non é que deixasen de facelo, senón que o fan na medida que poden". "Algo parecido ocorre coas empresas", apostila.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade