Batet pide "usar a palabra para propoñer e non para ofender" no Día da Constitución
Batet pide "usar a palabra para propoñer e non para ofender" no Día da Constitución
A presidenta da Congreso apela ao espírito de concordia e esperanza da Constitución
Pide que o debate parlamentario non se empregue para ferir o adversario
O izado solemne da bandeira española abriu os fastos do día da Constitución. A diferenza doutros anos, desta volta non foi na Praza de Colón, senón nun dos patios do Congreso. Os presidentes das dúas cámaras e o xefe do estado maior da defensa presidiron o acto, e tamén o posterior desfile pola Carreira de San Xerónimo de varias compañías dos tres exércitos e da Garda Civil.
Era o prólogo a unha cerimonia oficial que xuntou fronte á escalinata do Congreso aos representantes das principais institucións do estado, a Miquel Roca, un dos pais da Constitución aínda vivos, e a representantes de case todas as forzas políticas: non estiveron os dos grupos independentistas nin os de Vox, e faltaron dous presidentes autonómicos socialistas máis críticos con Pedro Sánchez, o aragonés Lambán e o manchego García Page.
A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, enxalzou a fortaleza das institucións creadas ao abeiro da Carta Magna, exemplificou na doazón de órganos ou no espírito emprendedor dos empresarios algúns dos valores que encarna, e defendeu o seu carácter integrador.
"Que sabemos que a Constitución non é bandeira, senón praza. Que sabemos que nada é para sempre, e que o valioso hai que protexelo e coidalo. Con esas certezas, correspóndenos actualizar a forza normativa da Constitución", dixo a presidenta do Congreso, Meritxell Batet.
O discurso incluíu unha reprimenda aos deputados tras últimos enfrontamentos desde os escanos.
"É o lugar onde todos os cidadáns están representados. Que a palabra se utilice para argumentar, non para ferir. Para propoñer, non para ofender", engadiu Batet.
Unha chamada á distensión que, polo menos este martes, si protagonizou os debates no Congreso.